Restauración de Pontevedra contaxia o seu conflito a diferentes Escolas Artísticas de toda España

Pontevedra
22 de outubro 2013

Huesca, Valencia, Madrid... como fichas dun dominó, unha tras outra, van caendo diferentes Escolas Artísticas de toda España que seguindo o exemplo da Escola Superior de Conservación e Restauración de Pontevedra reclaman uns estudos superiores dentro do Espazo Europeo de Educación Superior ou adscrición á universidade

Rolda de prensa na Escola de Restauración
Rolda de prensa na Escola de Restauración / Mónica Patxot

Huesca, Valencia, Madrid... como fichas dun dominó, unha tras outra, van caendo diferentes Escolas Artísticas de toda España que seguindo o exemplo da Escola Superior de Conservación e Restauración de Pontevedra reclaman uns estudos superiores dentro do Espazo Europeo de Educación Superior ou adscrición á universidade.

Na actualidade, estes centros son dependentes da Consellería de Educación e o seu regulamento orgánico é o mesmo polo que funcionan os institutos de Educación Secundaria.

En España hai 95 escolas que imparten Arte Dramática, Artes Plásticas, Conservación e Restauración, Danza, Deseño ou Música, en todas elas os profesores e alumnos mostran dende hai anos a súa preocupación pola "indefinición" na que se encontran, pero as protestas iniciadas polos alumnos de Pontevedra e o eco que tiveron nos medios de comuniciación, acenderon a mecha convertendo un problema local nun conflito colectivo.

Este martes en rolda de prensa os representantes do alumnado, Candela Alvarellos e Javier Peribáñez, xunto ao director da Escola, Fernando Carrera, informaron da súa intención de presentar unha denuncia contra a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, convencidos de que a razón os asiste e que "imos gañar, seguro".