Restricións de tráfico durante o domingo polo Tríatlon Cidade de Pontevedra

Pontevedra
20 de agosto 2015

Os cortes de tráfico afectarán principalmente ao ámbito da ponte dos Tirantes durante a mañá do domingo 23 de agosto, de 9:30 a 15:00 horas aproximadamente. Cortaranse tamén dous carrís da Avenida de Compostela, saída da cidade cara Santiago pola N-550 e afectada polo sector de ciclismo

Campionato de España de tríatlon sprint disputado en Pontevedra
Campionato de España de tríatlon sprint disputado en Pontevedra /

A disputa o próximo domingo do XV Tríatlon Cidade de Pontevedra ocasionará un importante dispositivo de tráfico na zona urbana, que se verá afectado por cortes de circulación e restricións de aparcadoiro.

O ámbito da ponte dos Tirantes será o epicentro da proba, polo que tamén se sitúa como a zona máis afectada.

Os cortes de circulación prolongaranse durante toda a mañá do domingo dende as 9:30 ata aproximadamente as 15:00 horas, preocupando especialmente o que afecta á Avenida de Compostela, a saída da cidade cara a Santiago pola N-550 e que é parte do sector de ciclismo.

Dous dos carrís serán utilizados para a competición, mentres os outros dous permitirán a saída da cidade. A entrada deberá realizarse por Juan Bautista Andrade ou cara a Monte Porreiro.

Ademais na Avenida de Compostela non se poderá estacionar dende as 22:00 horas do sábado, xusto á conclusión do partido entre Pontevedra e Guijuelo en Pasarón.

Estarán incluídas nos cortes as rúas polas que transcorren os diferentes sectores, é dicir: Bos Aires, ponte Tirantes, Rafael Areses, Avenida Compostela, Celso Emilio Ferreiro, Campus Universitario e ponte de Santiago no ciclismo e Avenida de Bos Aires entre as pontes de Tirantes e Monte Porreiro na carreira a pé.

En canto ao aparcadoiro, prohibirase na zona do circuíto a pé a partir das 22:00 horas do venres, xa que alí se instalará tamén o espazo de transición, mentres en Rafael Areses e Bos Aires entre ponte de Santiago e Tirantes a restrición comezará ás 15:00 horas do sábado.