Restricións de tráfico no Burgo na fase final das obras da Avenida da Coruña

Pontevedra
20 de setembro 2020

Entre o luns 21 e o venres 25 procederase ao fresado e asfaltado polo que se restrinxirá a circulación por este vial e só se permitirá o acceso a residentes

Restricións previstas no barrio do Burgo polas obras na Avenida da Coruña
Restricións previstas no barrio do Burgo polas obras na Avenida da Coruña / Concello de Pontevedra

As obras que se están levando a cabo na Avenida da Coruña, no barrio pontevedrés do Burgo, prepáranse para entrar este luns 21 de setembro na súa fase final.

Esta última fase da reforma centrarase ata o venres 25 no fresado e asfaltado da rúa, o que provocará restricións de tráfico limitando o acceso unicamente a residentes.

O plan de tráfico elaborado pola Policía Local contempla tres fases. Na primeira permanecerá pechado ao tráfico o tramo da Avenida da Coruña máis próximo á ponte do Burgo (entre a intersección coa rúa Xoán Manuel Pintos e a entrada da rúa Santiña), polo que a saída de residentes realizarase pola  Santiña cara á rúa Luís Otero bordeando Pasarón para saír á rotonda da Avenida de Compostela. Para o tráfico que veña de Juan Bautista Andrade o acceso á cidade tamén queda establecido por Luís Otero cara á Avenida de Compostela.

Na segunda fase, permanecerá pechado o tramo da Avenida da Coruña comprendido entre a Santiña e Juan Bautista Andrade, cos mesmo accesos e saídas que na fase anterior. 

Por último a fase 3 implica a restrición de acceso nun horario fóra de hora punta pola rúa Juan Bautista Andrade para os vehículos con carga superior a 3.500 quilos.

O fresado e asfaltado deste vial son os últimos traballos tras a renovación das beirarrúas e o cambio de marxe das zonas de aparcamentos e de contedores. Toda a actuación inclúese nun plan de reordenación de tráfico no Burgo que implicará que o tráfico na Avenida da Coruña pasará a ser de subida en todo o vial.