Restricións de tráfico pola proba ciclista Costa Atlántica MTB Tour

Pontevedra
19 de setembro 2022

A cidade de Pontevedra celebrará a próxima fin de semana, os días 23, 24 e 25 de setembro, a Costa Atlántica MTB Tour, unha competición por etapas de bicicleta de montaña que carrexará restricións de tráfico    

Circuito do venres da Costa Atlántica MTB Tour
Circuito do venres da Costa Atlántica MTB Tour / Concello de Pontevedra

A cidade de Pontevedra celebrará a próxima fin de semana, os días 23, 24 e 25 de setembro, a Costa Atlántica MTB Tour, unha competición por etapas de bicicleta de montaña que carrexará restricións de tráfico. 

Os participantes na proba gozarán de 3 etapas: unha crono nocturna de catro quilómetros polo centro histórico da cidade e dúas etapas maratón por distintos concellos, con saída e chegada, tamén, na Boa Vila. A proba ten un formato "challenge", o que quere dicir que cada etapa dispútase de forma independente.

Terá unha asistencia prevista de máis de 200 participantes.

A saída o venres será de catro en catro desde a praza de España. As outras dúas etapas percorrerán distintos concellos, con saída e chegada na praza da Ferrería.

A Policía Local de Pontevedra informou que o venres 23 de setembro, de 19:30 a 22:30 horas (aproximadamente) non se poderá acceder nin saír con vehículo á zona afectada pola proba deportiva. 

O acceso e saída dos inmobles afectados directamente polo circuíto estará permitido para os residentes a pé e supervisado por persoal da organización.

O tramo das Avenidas de Uruguai e Buenos Aires comprendido entre as pontes das Correntes e o de Santiago permanecerá pechado ao tráfico en ambos os sentidos durante a celebración da proba. A circulación de vehículos entre as avenidas sinaladas efectuarase pola Avenida Domingo Fontán e rúa Xoan Manuel Pintos.