As obras de reposición de firme continuarán, os vindeiros luns e martes, polas rúas Rafael Dieste e Filgueira Valverde.
Segundo o goberno local de Pontevedra, tras estar practicamente rematada a planificación inicial, queda tan só a rúa Juan Bautista Andrade, este tipo de intervencións están sendo ampliadas a outros viais nos que tamén se detectou deterioro no firme.
Desta maneira, o luns 22 procederase á rehabilitación da capa de rodadura en Rafael Dieste, o que implica a restrición do tráfico durante toda a xornada agás para a entrada e saída de garaxes.
Pola súa banda, o martes 23, as obras terán lugar na rúa Filgueira Valverde, na que tamén se prohibirá a circulación durante todo o día, permitíndose o acceso a garaxes.
Estas actuacións están enmarcadas nas reposicións de firme que se están a realizar en diversas rúas da cidade dentro do contrato de mantemento de espazos públicos. Da planificación inicial, ampliouse o número de viais en 6 máis: a rúa San Roque e un carril da avenida das Corvaceiras (ambas xa realizadas), as rúas Rafael Dieste e Filgueira Valverde previstas para a vindeira semana, a rúa Eduardo Pondal e a rúa da Estrada, na que realizará unha intervención puntual.
Tamén a partires do luns 22, se cortará o tráfico na travesía de Eiriña, neste caso por mor das obras de reforma de Loureiro Crespo. Durante toda a semana, tan só se permitirá o acceso a garaxes, que se realizará desde Joaquín Costa. Mentres, na rúa Otero Pedrayo, que permanecía pechada desde comezos de maio por mor das obras da Estación de Autobuses, vén de abrirse ao tráfico co carril de entrada á cidade, desde a avenida Conde de Bugallal cara á rúa Eduardo Pondal.