Restricións de tráfico durante un mes en Silgar para continuar a instalación de plataforma única

Sanxenxo
12 de maio 2026

As obras para instalar empedrado no Paseo de Silgar entre o tramo comprendido entre os cruzamentos da Rúa Ourense e a Rúa Rosalía de Castro comezarán este xoves 14 de maio

Tramo do paseo de Silgar con plataforma única Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo informa do inicio da segunda fase de obras para instalar plataforma única no Paseo de Silgar.

Os traballos para instalar empedrado entre o tramo comprendido entre os cruzamentos da Rúa Ourense e a Rúa Rosalía de Castro comezarán este xoves 14 de maio, confirma o goberno local.

A actuación ocasionará restricións de tráfico na zona durante aproximadamente un mes, xa que o obxectivo é poder finalizar a obra o 15 de xuño.

Previuse un plan de tráfico alternativo, que implica o peche completo ao paso de vehículos do citado tramo do Paseo de Silgar.

Co obxectivo de xerar as menores molestias posibles a veciños e negocios, explica o Concello, habilitarase o dobre sentido nos viarios adxacentes de baixada e modificarase o sentido actual da Rúa Vigo.

Trátase dunha actuación valorada en 394.905 euros, cofinanciada coa Xunta de Galicia, e que ten como obxectivo avanzar na accesibilidade peonil colocando unha plataforma única, eliminando o chanzo entre a rúa e a beirarrúa.

Está preista a incorporación de novo mobiliario urbano e outros elementos como xardineiras e bancos.

A plataforma única terá o mesmo deseño que a realizada no primeiro tramo con lastro prefabricado de cor azul de 10 centímetros de espesor para eliminar a barreira arquitectónica que actualmente supón o bordo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora