A parroquia de Mourente e a contorna do barrio de Monte Porreiro verán alterada a súa mobilidade habitual durante os vindeiros días.
O Concello de Pontevedra dispuxo unha serie de restricións ao tráfico rodado na rúa Areas co gallo da celebración da XXXIV Festa do Caldo Galego de Mourente.
As medidas de regulación afectarán a dous treitos específicos desta vía. O primeiro peche abrangue o espazo comprendido entre a rúa Portugal (nas proximidades da UNED) e a rúa Aguardenteiro.
Esta restrición permanecerá activa desde as 9:30 horas do xoves 5 de marzo ata as 18:00 horas do luns día 9.
Doutra banda, o treito situado entre a glorieta da rúa Portugal e Aguardenteiro quedará restrinxido á circulación desde as 15:00 horas do sábado 7 ata as 18:00 horas do domingo 8 de marzo.

Estas intervencións teñen como obxectivo permitir a instalación das infraestruturas necesarias e garantir a seguridade peonil durante os días de maior afluencia.
O evento comezará o sábado ás 11:00 horas na Deputación de Pontevedra coa recepción oficial e a entrega de capas aos novos membros da Orde do Caldo.. A xornada pecharase coas actuacións musicais das orquestras Saudade e Grupo Azabache a partir das 21:00 horas.
O domingo 8 de marzo, ás 13:00 horas procederase á lectura do pregón, que este ano correrá a cargo do presentador Fran Rego González, acto que contará coa participación musical de Marietta.