Retallos de mundo: Condado de Lancaster, Pensilvania. Territorio amish

Poio
12 de xullo 2026

Xesús Constela escribe sobre os amish de Lancaster e o seu estilo de vida tradicional e illado da modernidade, fundamentado en valores relixiosos, a autosuficiencia e o rexeitamento á tecnoloxía

Mercado amish de Bird In Hand

Unha vez abandonada a coñecida como Lincoln Highway, unha das autoestradas históricas máis emblemáticas dos Estados Unidos, cando por fin entrei no condado de Lancaster, no centro sur do estado de Pensilvania, relativamente preto da fronteira con Maryland e case na metade do camiño entre a capital, Harrisburg e a impetuosa cidade de Filadelfia, mentres viaxaba a través dun labirinto de estradas secundarias, o primeiro que chamou a miña atención foi a beleza dunha paisaxe moi verde, chea de campos de cultivo que se estendían até onde alcanzaba a vista, e isto levoume a pensar que estaba a entrar nun espazo que, sen sabelo, xa visitara en máis dunha ocasión grazas ao mundo do cinema, porque se trata dun territorio esencialmente agrícola escollido por moitos directores para plasmar nas súas películas unha das rexións máis singulares dos Estados Unidos, unha zona de paisaxes moi fértiles, salpicada de pequenas vilas, granxas e campos inmensos que foron capaces de me contaxiar unha máis que agradábel sensación de tranquilidade, ao tempo que me fixeron pensar que o condado de Lancaster non é simplemente un lugar, senón case o escenario perfecto para representar a laboriosidade da vida rural máis tradicional.

E entón apareceu á beira da estrada un curioso sinal de tráfico que nunca vira, un rombo amarelo que no seu centro amosaba a silueta negra dun cabalo a tirar por unha carruaxe con aspecto de ser moi antiga. Estaba alí chantada para indicar que se trataba da entraba a unha zona habitada por comunidades amish que non utilizan vehículos a motor senón carros de tracción animal que eles coñecen como buggies como medio de transporte para iren ao traballo, á igrexa ou ao mercado, polo que era necesario conducir con moitísima precaución.

Sinal de advertencia da presenza de buggies na estradaXesús Constela

A partir dese momento tiven a sensación de estar a entrar nunha sorte de burbulla cultural, onde o asfalto da estrada secundaria pola que ía se convertía nunha ponte entre séculos diferentes e onde ese rombo amarelo funcionaba a xeito de fronteira entre o frenético mundo moderno e a calma aparentemente inalterábel dunha vida ditada polo ritmo do trote dos cabalos e polas transformación que veñen unicamente da man das estacións.

Home a traballar a terra sen maquinaria industrial Xesús Constela

Era a primeira vez que entraba nun territorio habitado por amish, un grupo relixioso cristián formado en Centroeuropa, especialmente en Suíza, o val do Rin e o Palatinado alemán, a finais do século XVII, cando Jakob Ammann, un dirixente espiritual moi estrito, rompeu con outros anabaptistas por mor das súas diferenzas acerca das normas relixiosas e o acatamento da disciplina comunitaria, ao defender unha vida moi rigorosa, baseada na inquebrantábel obediencia ás regras da comunidade, no illamento dun mundo exterior que lle parecía demasiado mundano, e nunha disciplina férrea que mesmo contemplaba a exclusión daqueles que non cumprisen as normas. Estas diferenzas fixeron que moitos dos seus seguidores decidisen emigrar aos Estados Unidos, un territorio que daquela lles ofrecía terreos a moi baixo prezo e tamén a liberdade que procuraban para poderen vivir sen persecucións e sen interferencias dos poderes públicos.

O estado de Pensilvania acababa de ser fundado en 1681 por William Penn, un cuáquero que defendía a liberdade relixiosa como principio fundamental, ao tempo que avogaba por tratar os nativos americanos de maneira xusta sen enganalos nin expulsalos das súas terras, e por iso o seu denominado Holy Experiment, ou Santo Experimento, era un proxecto que tiña como obxectivo construír unha sociedade baseada na tolerancia, onde os diferentes grupos relixiosos perseguidos en Europa puidesen vivir sen medo nin restricións.

Grazas a esta política, Pensilvania converteuse nun destino moi atractivo para os amish, que atoparon alí un escenario axeitado para establecer as súas comunidades e para manter o estilo de vida que procuraban e que seguen a levar a día de hoxe, malia todo o tempo transcorrido e os moitos progresos sociais, médicos, científicos e tecnolóxicos que se conseguiron, uns avances aos que, en gran medida, decidiron dar as costas de maneira consciente, co obxectivo de preservar a súa forma de vida baseada na tradición e na autosuficiencia.

Buggies amish aparcados detrás do mercado de Bird In Hand Xesús Constela

Cando observei por primeira vez esta comunidade, formada no condado de Lancaster por unhas corenta e cinco mil persoas, a máis grande do mundo, que leva unha vida estruturada arredor de valores como a familia, a relixión e o traballo manual, sobre os que se constrúe a súa maneira de entender o mundo, tiven a sensación de estar perante unha realidade paralela dentro do noso mundo contemporáneo.

Campo de cultivo en Lancaster, Pensilvania Xesús Constela

Camiño dunha pequena localidade que ten o singular nome de Bird-in-Hand, Paxaro en Man, para visitar o mercado de produtos agrícolas cultivados nas granxas amish locais, cruceime pola estrada cunha chea de buggies con familias a bordo e tamén con varias nenas e algunha neno que viaxaban en patinetes de madeira e tamén con algúns homes en bicicleta que me ofreceron unha boa imaxe das súas vestimentas tradicionais.

Mercado amish de Bird In Hand Xesús Constela

Eles vestían chapeus negros de aba ancha, camisas de cores lisas como branco, gris ou azul, pantalóns escuros con tirantes en troques de cinto e chaquetas sinxelas sen botóns, mentres que elas levaban vestidos longos de cores escuras, normalmente cun mandil por riba, e as cabezas cubertas cunha especie de cofias, por suposto sen xoias nin adornos de ningún tipo, unhas roupas que me transmitiron a idea de que máis que unha mera cuestión estética, parecían ser símbolos de pertenza á comunidade.

No interior do mercado de Bird-in-Hand, un sinxelo edificio de estilo rural construído en 1976 pola familia Smucker, de tradición menonita, unha comunidade emparentada cos amish, aínda que máis aberta ao uso da tecnoloxía moderna e á integración na sociedade, había postos moi diversos nos que puiden pararme a admirar, sobre todo, produtos frescos ecolóxicos como froitas e verduras, e tamén carnes e queixos, ademais dunha gran cantidade de doces e pans artesanais e moitas comidas típicas, entre as que destacaban pasteis, galletas e sobremesas caseiras como o shoofly pie, un doce escuro feito con melaza que se elabora nas casas dos amish dende a súa chegada a Pensilvania a comezos do século XVIII.

Mais houbo algo que chamou a miña atención por riba do relaxado ambiente que reinaba no lugar, e foi que a relación entre vendedores e visitantes non parecía ter nada de espontánea. Alguén me explicou que os amish adoitan manter unha certa reserva no trato co público, especialmente con quen chega de fóra das súas comunidades, polo que, aínda que de ningunha maneira rexeitan o contacto, procuran evitar participar en conversas ou outras interaccións que poidan alterar o equilibrio da súa vida cotiá, máis aínda ao levaren unha vida tan singular que atrae unha boa chea de visitantes ao longo de todo o ano.

Produtos artesanais á venda diante dunha vivenda Xesús Constela

A cohesión da súa sociedade está baseada, contáronme, nun estrito conxunto de normas non escritas que eles coñecen como Ordnung, e son as encargadas de regular a vida diaria, desde a vestimenta até o uso da tecnoloxía, pasando polo comportamento social e relixioso nun contexto no que a familia ocupa un lugar central.

As casas son moi amplas e están pensadas para acoller unidades familiares numerosas, nas que non é estraño atopar entre cinco e dez fillos. As mulleres encárganse da organización do fogar, da cociña, da conservación dos alimentos e do coidado dos nenos, mentres que os homes traballan na granxa, na carpintaría ou en pequenos obradoiros colectivos. A vida familiar desenvölvese arredor dunha serie de rutinas compartidas, como as comidas en común, e está profundamente marcada polo traballo, a oración e o forte sentido de pertenza á comunidade.

Outros dos aspectos máis curiosos desta enorme comunidade amish do condado de Lancaster descubrino no plano lingüístico, xa que na súa vida cotiá comunícanse entre eles nun dialecto do alemán coñecido como Pennsylvania Dutch (derivado da palabra Deutsch, alemán), que contribúe a marcar fronteiras co exterior e que, basicamente, é unha evolución da lingua que levaron a América os primeiros emigrantes, e aínda me resultou máis sorprendente o feito de que usen o Hochdeutsch, un alemán moito máis arcaico, para a lectura da Biblia e para as cerimonias relixiosas.

Unha rapaza móvese nunha antiga bicicleta sen pedaisXesús Constela

É tal o grao de continuidade coa súa tradición europea de orixe, que o inglés queda reservado simplemente para a comunicación cos Englishers, que é como nos chaman a todos os que non pertencemos á súa comunidade, independentemente do noso lugar de orixe e da lingua que falemos.

A medida que abandonaba o mercado e regresaba á estrada para retomar o meu camiño, penso que fun consciente de que aquela experiencia supuxera un encontro cunha maneira de entender o mundo que se mantén deliberadamente á marxe desta época que nos tocou vivir.

A serenidade que percibira ao principio, esa calma case hipnótica das paisaxes e dos ritmos pausados, comezou a revelarse tamén como o resultado dun illamento escollido, dunha renuncia consciente a boa parte dos avances que definen o século XXI.

Hai algo admirábel na coherencia coa que os amish preservan a súa identidade, mais ao mesmo tempo resúltame difícil non velo como un modo de vida excesivamente ríxido, afastado das transformacións sociais que, con todas as súas contradicións, tamén ampliaron dereitos e posibilidades.

Saín do condado de Lancaster coa certeza de que acababa de atravesar unha fronteira invisíbel entre dous tempos, un que avanza a toda velocidade e outro que ficou detido para sempre no pasado. Comprendín que esas comunidades amish que acababa de visitar non constituían nin remotamente un lugar no que eu puidese recoñecerme, quizais porque o que para eles representaba un equilibrio, a min pareceume un límite, un recordatorio de que non todas as formas de vida dialogan igual co presente nin resultan habitábeis para quen non sabe, ou non quere, deter as inercias do mundo moderno.

©Xesús Constela, 2026

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora