Retiran as letras de "Pontevedra" da Praza de Ourense

Pontevedra
08 de agosto 2024

Na Boa Vila, en pleno mes de agosto e na véspera do inicio da Semana Grande das Festas da Peregrina, o Concello retirou o letreiro de "Pontevedra" da Praza de Ourense. Foi unha decisión da Concellería de Servizos Urbanos Básicos ante o mal estado que presentaban

A Praza de Ourense sen o letreiro de "Pontevedra"
A Praza de Ourense sen o letreiro de "Pontevedra" / PontevedraViva

Nestes tempos nos que as redes sociais marcan tendencia todas as cidades apostan polo valor visual que achegan os letreiros xigantes como parte da súa topografía urbana. 

Estes letreiros xigantes son punto de referencia para turistas e locais onde sacarse fotos para compartir e presumir. Un selfie anuncio perfecto que ademais do márketing turístico, se se deseña ben, pode funcionar como mobiliario urbano.

Na Boa Vila, en pleno mes de agosto e na véspera do inicio da Semana Grande das Festas da Peregrina o Concello retirou o letreiro de "Pontevedra" da Praza de Ourense.

Segundo explicou a alcadesa en funcións, Eva Vilaverde, foi unha decisión da Concellería de Servizos Urbanos Básicos, que dirixe Xaquín Moreda, ante o mal estado que presentaban.

De modo que por cuestión de "mantemento" xa que "estaban algo deterioradas" retiráronse e agora esta Concellería valorará "se se manteñen con ese mesmo formato ou se renovan".

Segundo explicou Eva Vilaverde "en principio, vaise a ver de arranxalas, a ver como quedan, senón, pois cambiálas con outro formato". 

O que se se corrixirá é a presenza da chapa metálica na base, un elemento que gustaba moito aos nenos e molestaba a veciños e residentes, xa que facía moito ruído cando correteaban encima dela.