Retiran cun guindastre os postes que impedían aparcar nun espazo natural protexido

Sanxenxo
05 de agosto 2024

O Concello de Sanxenxo denunciou a retirada dos postes que impedían aparcar en "Con do paxaro". O goberno local comunicou os feitos á Consellería de Medio Ambiente para que tome as medidas oportunas ao tratarse dun espazo protexido

Parcela "Con do paxaro" Concello de Sanxenxo

Na madrugada do venres ao sábado, un guindastre retirou os postes de 14 metros de longo que o Concello colocara recentemente para evitar que os coches aparquen na parcela "Con do Paxaro" que forma parte da Rede Natura 2000. 

O goberno local considera os feitos "moi graves" polo que intensificou a vixilancia, denunciouno ante a Garda Civil e comunicoullo á Consellería de Medio Ambiente.

O plan do Concello, como xa anunciou hai uns meses, é a renaturalización da zona, a posta en valor do patrimonio e a creación dunha área de esparexemento que faga máis atractivo aínda o lugar da Lanzada. En sintonía co que se vai a licitar no outro extremo da Rede Natura, a mellora da Telleira e o primeiro tramo da senda da ría de Arousa.

O Concello de Sanxenxo comunicou que "a utilización como aparcadoiro dun espazo protexido de alto valor ecolóxico, ademais de ser ilegal, vai contra o interese da parroquia de Noalla que xunto con Vilalonga comparten a xoia da paisaxe de Sanxenxo: a Rede Natura 2000 que se estende desde Major ata o límite con Meaño no litoral da ría de Arousa (352 hectáreas)". 

A praia da Lanzada e a súa contorna é o segundo lugar máis visitado de Sanxenxo precisamente polo seu patrimonio natural e arquitectónico, degradalo para aparcar coches é "pan para hoxe e fame para mañá", engade o goberno local.

A parcela "Con do Paxaro" incluída na Rede Natura 2000 ten os seguintes antecedentes: En maio de 2019 a asociación de veciños de Noalla denuncia á Conselleria de Medio Ambiente que a comunidade de montes de Noalla está a utilizar a parcela como aparcadoiro.

O 5 de xuño de 2019 a Conselleria de Medio Ambiente manda un requirimento ao presidente da comunidade de montes de Noalla no que lle informaba que a parcela forma parte dun espazo natural que ten 6 proteccións e apercibíndolle da apertura dun expediente sancionador se non sacaba os coches da parcela, o cal fixo inmediatamente.

A clasificación da Lanzada como monte comunal foi unha longa reclamación da comunidade de montes de Noalla que finalmente rexeitaron ata sete sentencias ou resolucións. O Xulgado Contencioso Administrativo nº3 en 2006, 2011 e 2020, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en 2008 e 2021 e o Xurado Provincial de Montes Veciñais en 2017 e 2018. 

A partir das sentenzas de 2020 e 2021 o Concello descobre que as 14 hectáreas situadas entre a PO-308 e o vial O Telleiro, entre as que se inclúe a parcela "Con do Paxaro" son da súa propiedade e, por tanto, non forman parte de ningún monte comunal como dicía a comunidade de montes de Noalla.

Nas últimas semanas primeiro pintaron, despois arrincaron e levaron o sinal de prohibición de aparcar na Rede Natura que colocara o Concello. Existen dous informes da policía local respecto diso. En consecuencia, o Concello decidiu poñer dous postes de 14 metros de longo cada un para evitar a entrada de coches. Son os que alguén retirou na noite do venres ao sábado e o Concello volveu colocar este domingo á primeira hora.

"O goberno non vai permitir que ninguén se salte a lei que protexe os espazos naturais, querendo converter unha parcela que ten seis proteccións nun aparcadoiro. Primeiro, porque hai que cumprir a lei e segundo, porque se quere impulsar o desenvolvemento de Noalla mediante a posta en valor da zona", comunicou o Concello de Sanxenxo.