O cruceiro de Meuterrón xa regresou ao seu lugar habitual na parroquia pontevedresa de Verducido, despois de efectuarse os traballos de instalación durante o venres 10 de febreiro.
A concellería de Patrimonio Histórico, que dirixe o concelleiro Xaquín Moreda foi a encargada de promover o proceso de restauración e reinstalación desta peza patrimonial.
Este elemento sufrira danos importantes despois de que recibise un golpe por parte dun vehículo na base da estrutura. O impacto provocou a caída ao chan e fracturouse en diferentes puntos da parte superior, que foron rehabilitados.
Foi a veciñanza da zona quen se encargou de custodiar as pezas e colaborou para que se puidese executar o proceso de restauración e arranxo. Moreda sinala que o Concello de Pontevedra manterá o seu labor de salvagardar estas pezas "tan representativas" para a historia e a paisaxe galega.
O Concello tamén anuncia que se modificará a sinalización horizontal do lugar para reconducir a circulación de vehículos para tentar evitar futuros accidentes contra este cruceiro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.