Revista á aldea modelo de Parada-Mouteira e o polígono agroforestal de Tomonde-Vilalén

Cerdedo Cotobade
01 de setembro 2023

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo este xoves unha reunión de traballo coa directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé

Reunión de Jorge Cubela coa directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo este xoves unha reunión de traballo coa directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, na que analizaron a marcha dos traballos que se están levando a cabo na aldea modelo de Parada-Mouteira e no polígono agroforestal de Tomonde-Vilalén.

Durante a reunión tamén estudaron canles de colaboración entre ambas as dúas institucións de fronte ao ano 2024 para mellorar camiños de titularidade municipal en todo o territorio.

En concreto en Parada-Mouteira estanse actualmente acometendo traballos de limpeza e recuperación nas parcelas incluídas nesta aldea (427 parcelas) para poñelas a producir mediante a actuación de Agader cos agricultores, gandeiros ou silvicultores interesados.

O obxectivo é que o conxunto dos terreos recuperados funcionen ademais como barreira natural fronte ao lume, ao ser os cultivos os que actúan como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica.

Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. 

Por outra banda, Cubela e Santé analizaron a marcha dos traballos iniciados xa no polígono agroforestal de Tomonde-Vilalén que ocupa un total de 67,88 hectáreas que estarán dedicadas exclusivamente ao cultivo de mazá de sidra.