Revolución no diagnóstico e tratamento dos trastornos do sono en Montecelo grazas á IA

Pontevedra
12 de febreiro 2025
Actualizado: 16:13

O proxecto xa está en funcionamento e analiza grandes volumes de datos procedentes de estudos do sono para identificar pacientes en risco antes de presentar síntomas graves

A IA aplícase na Unidade do Sono do CHUP
A IA aplícase na Unidade do Sono do CHUP / Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés implantou un innovador proxecto de Intelixencia Artificial (IA) na Unidade do Sono do Servizo de Pneumoloxía do Hospital Montecelo, pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

Esta iniciativa ten como obxectivo optimizar o diagnóstico e tratamento dos trastornos do sono, reducindo os tempos de análise das probas diagnósticas e mellorando a precisión dos tratamentos.

O proxecto, que xa está en funcionamento, emprega algoritmos de IA para analizar grandes volumes de datos procedentes de estudos do sono, o que permite identificar pacientes en risco antes de que presenten síntomas graves.

Segundo o doutor Adolfo Baloira Villar, pneumólogo do CHUP e coordinador da Unidade do Sono, "o aforro de tempo é un dos principais beneficios, xa que os diagnósticos de trastornos do sono requiren probas que, ata agora, necesitaban unha análise manual moi laboriosa".

A Intelixencia Artificial non só reduce o tempo de análise, senón que tamén axuda a identificar patróns complexos nos datos que poderían pasar desapercibidos nunha primeira revisión. Isto permite adaptar os tratamentos ás necesidades específicas de cada paciente, ofrecendo opcións máis eficaces e personalizadas.

"No caso das apneas obstrutivas do sono, por exemplo, a IA pode axudar a determinar cal é o tratamento máis axeitado para cada doente", explica o doutor Baloira.

A Unidade do Sono do CHUP, que funciona dende 2006, é unha referencia no tratamento de trastornos do sono na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Coordinada por dous pneumólogos e sete profesionais de enfermaría, a unidade realiza tanto estudos completos do sono (polisomnografías) como estudos domiciliarios.

Anualmente, atende a arredor de 300 pacientes na unidade e realiza 150 estudos a domicilio, ademais de dar tratamento a preto de 6.000 usuarios.

A Unidade do Sono do CHUP foi unha das primeiras en Galicia en especializarse na asistencia e seguimento de patoloxías como a apnea do sono, un trastorno que afecta entre o 4% e o 7% da poboación adulta.

Esta condición caracterízase por episodios de suspensión da respiración durante o sono, o que provoca un descanso fragmentado e somnolencia diúrna. As persoas maiores, obesas ou con obstrucións nasais, lingua longa ou vías respiratorias estreitas teñen maior risco de padecer esta patoloxía.

Unidade do Sono no Hospital Montecelo
Unidade do Sono no Hospital MonteceloÁrea sanitaria de Pontevedra-O Salnés

Ademais das probas diagnósticas, a Unidade do Sono complementa o seu traballo coa elaboración de historias clínicas detalladas e enquisas sobre os hábitos de sono dos pacientes.

Desde hai catro anos, todos os doentes en tratamento son monitorizados a través dun sistema de telemonitorización, o que permite un seguimento máis eficiente e personalizado.

Segundo o doutor Baloira: "esta ferramenta non só nos permite ser máis eficientes, senón que tamén nos achega a unha medicina máis precisa e adaptada ás necesidades de cada paciente".