Rexistran trece solicitudes para as axudas a autónomos e microempresas pola covid-19

Pontevedra
06 de outubro 2020

Desde a apertura do prazo para as solicitudes das axudas municipais para os autónomos e as microempresas afectadas pola covid-19 foron trece os interesados que xa presentaron as súas solicitudes na oficina aberta polo Concello na rúa Dona Tareixa. O prazo para solicitala remata o 14 de outubro

Fernández Lores e Anabel Gulías visitan as oficinas de Supera20
Fernández Lores e Anabel Gulías visitan as oficinas de Supera20 / Mónica Patxot

Desde a apertura do prazo para as solicitudes das axudas municipais para os autónomos e as microempresas afectadas pola covid-19 foron trece os interesados que xa presentaron as súas solicitudes na oficina aberta polo Concello na rúa Dona Tareixa.

O prazo para solicitar as axudas, segundo recorda Anabel Gulías, remata o 14 de outubro.

A portavoz do goberno municipal destaca que na oficina Supera20 neste momento o volume de traballo céntrase no asesoramento para que os solicitantes presenten a documentación correctamente "en tempo e forma" e evitar posteriores requirimentos e correccións.

Ademais desta atención presencial -previa solicitude de cita-, os interesados en concorren a estas axudas teñen operativas dúas liñas de teléfono, 618 385 048 e 681 264 835, para recibir este asesoramento por parte dos técnicos municipais.

A convocatoria Supera20, que ten un orzamento de 1.250.000 euros, está dirixida a persoas traballadoras autónomas e as entidades da economía social e microempresas que empreguen a menos de 10 persoas.

Contemplan unha porcentaxe subvencionable que poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto e a contía máxima de cada axuda será de 5.000 euros por solicitude; así como un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida.

Dentro desta iniciativa, subvencionaranse accións de modernización e mellora de locais, centros de traballo e establecementos empresariais e comerciais con atención directa ao público que tivesen suspendida a súa actividade durante o estado de alarma.

Así, entre outras cousas, poderanse abordar actuacións de dixitalización e de implantación de tecnoloxías dixitais, a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, a renovación, embelecemento e ornato dos locais, a redución do consumo de enerxía ou melloras xerais como a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates.