Rexístranse máis de tres abandonos de cans a diario na provincia

Pontevedra
10 de xaneiro 2020

A provincia rexistrou 1.290 abandonos de cans durante 2019. Tamén se rompeu o récord do número de adopcións no Centro de Acollida e Adopción de Animais (CAAN) da Armenteira, acadando as 466 ao longo do ano

Cans abandonados nun contenedor en Vilanova, recuperados tras o seu paso polo CAAN
Cans abandonados nun contenedor en Vilanova, recuperados tras o seu paso polo CAAN / Deputación de Pontevedra

Terra, Sabela, Ares e Ceo son catro cachorros que apareceron abandonados nun colector de lixo de Vilanova de Arousa e forman parte dos 1.290 cans abandonados no provincia durante o ano 2019. Esta camada pasou polo Centro de Acollida e Adopción de Animais (CAAN) da Armenteira, que depende da Deputación, e a partir deste luns 13 poderán ser adoptados por aquelas persoas que o desexen.

A presidenta provincial Carmela Silva comparecía co deputado responsable do centro Manuel González, o veterinario José Luis Pedreira e Gabriel Rodríguez, técnico encargado do CAAN para ofrecer os datos de adopcións e de abandonos durante o último ano. 

A provincia rexistrou unha media de 3,5 diarios. Tamén se rompeu o récord do número de adopcións acadando as 466; deles 345 foron acollidos en fogares da provincia de Pontevedra, os demais foron a domicilios do resto de Galicia e tamén de Portugal.

A Deputación ten previsto poñer en marcha unha nova campaña de adopcións coa idea de que sexa emocional e que aparezan os cargos da institución provincial ofrecendo unha aperta a estes animais abandonados. 

Carmela Silva lembrou que a adopción no CAAN é gratuíta e que as mascotas saen do centro vacinadas e desparasitadas. Ademais, as persoas que adopten contarán co asesoramento veterinario das persoas responsables deste centro situado en Meis.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora