Un nivel de ocupación hostaleira semellante, con todas as reservas, ao de Semana Santa. Así son as estimacións que realizou Turismo Rías Baixas para esta ponte do 1 de maio.
Calculan que, no caso da comarca de Pontevedra, alcanzarase un 85% de ocupación. Son dez puntos máis que para o conxunto da provincia.
Carmela Silva explicou que estes datos poden variar en función da evolución da climatoloxía dos próximos días, polo que apelou á prudencia.
Os mellores datos espéranse en Deza e Tabeirós-Terra de Montes, onde se rozará o cheo. No Morrazo e Vigo superarase, segundo estas previsións, o 90% e en Caldas, o 83%.
Por baixo da media provincial quedan O Salnés cun 64%, o Baixo Miño cun 57% e o Condado Paradanta cun 30%.
Ademais, as previsións de Rías Baixas fixan nun 50% a ocupación nos establecementos rurais da provincia, un nivel que se superará, entre outras comarcas, no Salnés, Caldas e Pontevedra.