Un grupo de nenos ingresados no servizo de Pediatría do Hospital Provincial de Pontevedra viviron este mércores unha xornada especial.
Eles foron os protagonistas dun obradoiro de robótica, preparado para alegrar e humanizar na medida do posible a estadía dos pequenos no hospital.
Trátase da primeira actividade dun ciclo interactivo e práctico que se realiza na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ao amparo do convenio de colaboración asinado entre o Sergas e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Foi impartido por voluntarias de NTT Data e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, en colaboración cos profesionais do servizo de Pediatría e do equipo directivo da área sanitaria.
Durante o obradoiro os nenos puideron transformar froitas en instrumentos musicais cun xogo de computador, ou interactuar con robots con forma de mascota ou de coche que adaptan os seus movementos e comportamento en función dos sons ambientais, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados.
"Esta iniciativa xorde coa vontade de que estas actividades sexan unha distracción positiva para os nenos ingresados nolos nosos centros, contribuíndo deste xeito á súa recuperación emocional", explicou o subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, Marcos Santos.
Estes talleres tamén permiten aos nenos e os seus familiares empregar lúdicamente elementos tecnolóxicos para coñecer as leis da física e da informática.