Rodrigo Cota será o pregoeiro das Festas da Peregrina 2016

Pontevedra
08 de xullo 2016

"Tentarei ser un digno representante de todos os que non merecen ser pregoeiros". Co seu habitual enxeño e ironía, o escritor e xornalista Rodrigo Cota agradecía desta maneira ao Concello a súa elección como pregoeiro das Festas da Peregrina 2016. El será o encargado de dar o pistoletazo de saída, igual que fixo Javi Gómez Noya o pasado ano, ás festas de Pontevedra

Presentación de Rodrigo Cota como pregoeiro das Festas da Peregrina Mónica Patxot

"Tentarei ser un digno representante de todos os que non merecen ser pregoeiros". Co seu habitual enxeño e ironía, o escritor e xornalista Rodrigo Cota agradecía desta maneira ao Concello a súa elección como pregoeiro das Festas da Peregrina 2016.

El será o encargado de dar o pistoletazo de saída, igual que fixo Javi Gómez Noya o pasado ano, ás festas de Pontevedra, esa cidade tan presente nos seus habituais artigos en diferentes medios de comunicación, entre eles o Diario de Pontevedra, que lle converteron, segundo destacou o alcalde, nun "cronista" da actualidade pontevedresa.

Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que é un "pracer e unha honra" que Cota aceptase ser o pregoeiro das festas, unha persoa que conta cunha presenza "indiscutible" na vida da cidade nos últimos anos.

"Poucas veces acertamos tanto cun pregoeiro", engadiu o alcalde, que encomiou o traballo de Rodrigo Cota na prensa local con crónicas escritas "con enxeño e audacia" e das que gozan de forma habitual miles de persoas.

Apelando a esa traxectoria, Fernández Lores mostrouse convencido de que o pregón terá moitas sorpresas e que "será lembrado" polos pontevedreses.

Cota adiantou que no seu pregón "algo falaremos de política" e do labor dos medios de comunicación da cidade e do "mérito" que teñen ao traballar nas súas actuais condicións laborais. Pero sobre todo reflexionará sobre a situación de Pontevedra como cidade "inspiradora" para a creatividade e o posto que recuperou como "motor cultural" de Galicia.

O pregón de Rodrigo Cota será o sábado 13 de agosto, a partir das doce do mediodía, desde o balcón do Pazo de Mugartegui, na Praza da Pedreira.