Os días 11 e 12 de xullo a romaría de San Benito de Lantaño volverá reunir os centos de fieis e visitantes.
A programación desta cita, unha das citas máis arraigadas de Portas, combinará actos relixiosos, música, actividades infantís e unha exposición fotográfica.
A concelleira de Cultura, Ana Peña, presentou xunto á Comisión de Festas de San Benito esta edición "pensada para preservar a tradición ofrecer unha ampla oferta de lecer para veciños e visitantes de todas as idades".
A romaría comezará o sábado 11 con misas ás 9:00, 10:00, 11:00, 12:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas.
Ás 10:00 horas sairá o pasacalles e actuará a Banda de Música Unión de Lantaño, mentres que ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne, cantada polo Coro Parroquial de Briallos. Seguiralle a procesión e unha tirada de lumes.
Xa pola tarde, ás 18:00 horas, haberá un inchable gratuíto para os máis pequenos. A partir das 21:00 horas, comezará a gran verbena coa Charanga Ardores, o Dúo Almanova de Vigo e DJ Isi M.
O público familiar será o protagonista da xornada do domingo 12, cunha festa infantil e a tradicional festa da espuma na Carballeira de San Benito. Será a partir das 19:00 horas.
A actividade infantil, organizada por Mundo Máxico, incluirá touro mecánico, inchables, pintacaras e globoflexia. Ademais, a Biblioteca de Portas impulsará o domingo unha campaña solidaria de recollida de material escolar na capela de San Benito para axudar ás familias con menos recursos de face ao próximo curso.
Como novidade, a romaría acollerá tamén unha exposición fotográfica sobre a memoria colectiva de Lantaño, con imaxes antigas cedidas por veciños e veciñas onde se mostran recordos de romarías, procesións, reunións familiares, vida cotiá e tarefas do campo.
A programación complétase coa novena a San Benito, que se celebrará todos os días do 30 de xuño ao 9 de xullo ás 20:15 horas na capela de San Benito de Lantaño.