O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, asinaron este luns no Pazo Provincial un convenio de colaboración para transformar a rúa Campo da Feira, na contorna da casa consistorial, nun espazo máis amable, seguro e pensado para as persoas.
A actuación contará cun orzamento total de 454.300 euros, dos que a Deputación achegará o 70 % —uns 318.000 euros— mentres que o Concello de Meaño asumirá os 136.300 euros restantes.
O proxecto céntrase nun treito duns cen metros da estrada EP-9303, que conecta Meaño con Dena, unha zona que na actualidade presenta beirarrúas estreitas, bandas de estacionamento en liña e un deseño pouco adaptado ás necesidades peonís.
Segundo explicou Luis López, esta intervención responde á liña de traballo da Deputación de "mellorar as estradas provinciais baixo criterios de protección aos peóns, sen esquecer que todos os vehículos deben circular por vías seguras e modernas".
Nesa aposta pola modernización da rede viaria, o presidente provincial lembrou que o goberno destina este ano 40 millóns de euros ás estradas de titularidade provincial.
No caso concreto da rúa Campo da Feira, o proxecto prevé a creación dunha zona de convivencia en plataforma única, con prioridade peonil, unha estética coidada, novo mobiliario urbano e vexetación, co obxectivo de gañar calidade urbana e seguridade viaria.
Ademais, inclúese a renovación da rede de pluviais, saneamento e rego, así como a reposición da iluminación pública.
López subliñou tamén a importancia desta mellora hidráulica, xa que "existe unha zona na que en días de choiva se acumula moita auga, e imos darlle solución en beneficio tanto das persoas como do tráfico".
A colaboración entre a Deputación e o Concello de Meaño no ámbito das infraestruturas suma xa neste mandato arredor de 1,7 millóns de euros, unha cifra que tamén permitiu avanzar na mellora da estrada EP-9302 entre Xil e Covas.
Ademais, a través dos distintos plans de cooperación provincial, Meaño podería recibir ao longo deste ano ata un máximo de 1,8 millóns de euros.