A Rúa Ponte Nova estrea imaxe e usos: "Nunca unha obra tan pequena tivo un resultado tan espectacular"

Pontevedra
19 de novembro 2025
Actualizado: 20 de novembro

Miguel Anxo Fernández Lores e Xaquín Moreda visitan a nova zona verde de lecer e estancia, de preto de 170 metros cadrados. Derrubouse un antigo lavadoiro e investíronse 43.439 euros

Reforma da Rúa Ponte Nova
Reforma da Rúa Ponte Nova / Cristina Saiz

Pontevedra incorpora unha nova zona de esparexemento e convivencia na contorna do Gafos, na parte baixa do río á altura da Rúa Ponte Nova.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, visitaron a zona este mércores e comprobaron o resultado dos traballos de transformación deste espazo.

O proxecto, que transformou a beira esquerda do río nun novo espazo de lecer, supuxo un investimento de 43.439 euros, dos que 38.687,78 euros foron unha subvención da Consellería de Medio Ambiente.

Tras a visita a este novo espazo, Lores destacou que "nunca unha obra tan pequena deu un resultado tan espectacular", que mesmo é máis bonito de noite, grazas á iluminación led instalada.

Así, puxo esta actuación como exemplo de proxectos que "parece que non teñen importancia e si que teñen, porque melloran moito a estética do barrio e os espazos de convivencia".

Supón un 1% do custo da macro proxecto para a renaturalización do Gafos e, a pesar diso, supón un gran cambio desde o punto de vista estético e de calidade urbana.

E destaca Lores que seguirán apostando tamén por estes pequenos proxectos, porque unha cousa son a grandes obras, que xeran "un impacto moito máis importante" e outras son as pequenas, que "melloran tamén a calidade de vida dos veciños".

Para Lores é unha alegría ver rematada esta obra e "ver que cambiou a cara deste barrio", do que recoñece que "necesita máis investimentos, indiscutiblemente".

Respecto diso, avanza que cando fagan a renaturalización do Gafos desde a rúa Xeneral Rubín cara a Alcalde Hevia meteranlle man á baixada cara á ría, "que lle fai falta tamén".

Esta actuación supuxo a intervención nunha superficie de 170 metros cadrados e provocou a demolición dunha edificación ruinosa que antes funcionaba como lavadoiro. Este inmoble carecía de valor patrimonial ou arquitectónico e supuña unha mala imaxe para a zona.

O proxecto aproveitou recursos locais, pois a pedra resultante da demolición reutilizouse para dar continuidade ao muro existente, levantando un novo muro de contención.

O peche foi realizado por canteiros da parroquia de Verducido.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora