A Rúa do Santo sofre novas inundacións e clama por unha solución definitiva

Pontevedra
23 de decembro 2025

Os residentes nesta zona da parroquia de Lourizán denuncian o "abandono institucional" tras o colapso da rúa e o risco sanitario e persoal pola inacción de Concello e Augas de Galicia.

Auga na Rúa do Santo nos accesos ás vivendas
Auga na Rúa do Santo nos accesos ás vivendas / PontevedraViva

Os residentes da Rúa do Santo na parroquia de Lourizán viviron outra xornada de desesperación ao sufrir novas inundacións que deixaron a rúa completamente alagada e a moitos atrapados nas súas vivendas.

A pesar dunha pluviometría de 29,5 litros por metro cadrado, segundo a AEMET, os veciños e a Asociación Estriceres lamentan que a zona colapsara entre as 18:30 e as 19:00 horas, evidenciando, segundo sinalan, a deficiente infraestrutura local.

A crecida da auga alcanzou o límite coa estrada vella de Marín, impedindo a entrada a quen estaba fóra e a saída aos que se atopaban dentro, incluíndo persoas maiores, con mobilidade reducida e nenos, xerando unha situación de risco ante calquera emerxencia.

Ademais, afirman que as tapas de rexistro saltaron, creando un perigo inminente para peóns e vehículos, mentres que o colapso das tubaxes de residuais augura un "lodo tóxico" e un grave risco sanitario para os próximos días.

Os danos materiais son numerosos, segundo indican, ao afectar a mobiliario, vehículos e estruturas de vivendas en plantas baixas afectadas, á espera dunha avaliación exhaustiva.

A veciñanza critica duramente a "inacción" das administracións competentes, o Concello de Pontevedra e Augas de Galicia, a quen acusan de eludir responsabilidades.

Afirman que a única intervención recente foi unha limpeza superficial hai unha semana, insuficiente para resolver os problemas de deseño das canalizacións do regacho, que presenta unhas dimensións "mínimas" e provoca atascos recorrentes mesmo con choivas normais de inverno. "Esta é xa a enésima inundación nos últimos meses", denuncian.

Inundación na Rúa do Santo dificultando a entrada e saída de turismos
Inundación na Rúa do Santo dificultando a entrada e saída de turismosPontevedraViva

Os veciños, apoiados pola Asociación Estriceres, manteñen activas as reclamacións xudiciais e advirten que, si cunha pluviometría moderada a situación é tan crítica, un temporal forte podería causar "danos irreparables e moito máis elevados".

Instan as administracións a actuar "de urxencia" e propor solucións concretas, lamentando que, a diferenza doutras zonas como Valdecorvos, eles non recibiron ningunha proposta efectiva tras anos de espera para ser escoitados.

Inundación de auga na Rúa do Santo impedindo o paso de vehículosPontevedraViva