O mellor petisco galego pódese atopar en Pontevedra. Así o decidiu o xurado da II Gala Show Cooking De Tapas por Galicia, celebrada este luns na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Nela, Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín) foron distinguidos co Premio Mellor Cociñeiro grazas á súa proposta 'É tempo de navallas', coa que xa conquistaron ao xurado de Pontedetapas 2015.
Pola súa banda os vigueses Gerson Iglesias e Carlos Barreira levaron o Premio Especial do Público co seu 'Pepito de polbo en pan rústico con allada texturizada'.
Esta gala, organizada por Turismo de Galicia, reunía en Santiago aos gañadores dos concursos de tapas das sete cidades galegas, que elaboraron os seus pratos en directo e explicaron o seu proceso de creación.
Os gañadores de ambas as categorías foron obsequiados cunha estancia dunha fin de semana nun balneario galego e cun trofeo elaborado especialmente para a cita polo escultor Luís Loureira.