Rueda fai un balance positivo do seu primeiro ano de lexislatura e asegura que "o mellor está por vir"

Pontevedra
16 de abril 2025
Actualizado: 7:02

Afirma que "Galicia está preparada para liderar, innovar e coidar o seu cun proxecto estable e estilo propio: o Estilo Galicia"

Acto institucional para facer balance do primeiro ano de lexislatura de Rueda
Acto institucional para facer balance do primeiro ano de lexislatura de Rueda / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, protagonizou este martes un acto institucional para facer balance do seu primeiro ano de lexislatura.

Este encontro prodúcese xusto cando van doce meses da súa investidura tras os comicios autonómicos de 2024.

Baixo a lema Estilo Galicia e acompañado do seu Executivo, Rueda subliñou que a súa forma de gobernar está marcada "polo compromiso co traballo ben feito, a escoita activa e a estabilidade institucional".

"Galicia avanza con paso firme, sen ruído, sen confrontacións e sen mirar a curto prazo", asegurou o xefe do Goberno autonómico, quen reivindicou a importancia de facer política "desde o sentidiño, a esixencia e a vocación de servizo". Neste sentido, fixo fincapé no estilo de goberno da Xunta: un modelo baseado "no rigor, na estabilidade e na acción".

Rueda destacou na súa intervención os avances en materia de sanidade, educación, economía e política social. Entre eles, a consolidación do calendario vacunal máis avanzado de Europa; a educación universitaria gratuíta, "sendo Galicia pioneira neste ámbito"; a aposta pola vivenda pública, "duplicando o parque público"; ou a reactivación do rural galego, "con Galicia como líder en produción láctea a nivel estatal".

Tamén puxo en valor o liderado de Galicia en enerxías renovables "cun 84,6% da súa enerxía procedente de fontes limpas" e o traballo en sectores como a automoción, a biotecnoloxía, a loxística e a industria conserveira.

O titular do Executivo galego incidiu na importancia de gobernar "con alma, esixencia e sentidiño", e reafirmou que Galicia "non deixa a ninguén atrás". Mencionou a posta en marcha de medidas pioneiras como o Bono Coidado, o reforzo de prazas públicas en política social "superior ás 16.000" e a Estratexia Retorna, que permitiu no último ano a volta de 8.500 galegos do exterior, "o mellor dato histórico rexistrado".

Tamén defendeu con firmeza o papel de Galicia na defensa das súas competencias, en especial no relativo á recente transferencia de xestión do litoral, reclamando "un trato xusto sen complexos, con responsabilidade e sen renuncias".

Acto institucional para hacer balance del primer año de legislatura de Rueda
Acto institucional para facer balance do primeiro ano de lexislatura de Rueda

O presidente quixo tamén facer un recoñecemento público ao seu equipo de goberno, destacando "o labor conxunto e a cohesión do Executivo". "Aquí gañamos e erramos xuntos. Porque isto é un equipo, e así se comporta", afirmou.

Concluíu asegurando que o balance deste primeiro ano é positivo, pero advertindo que "o mellor está por vir".

"Galicia, está preparada para liderar, para innovar e para coidar o seu territorio cun proxecto estable e un estilo propio: o estilo Galicia", concluíu.