Rueda reafirma o seu compromiso coa dragaxe do río Lérez e pide alegacións "construtivas"

Pontevedra
04 de febreiro 2026

"Se son alegacións construtivas, benvidas. Se son para ao final, os de sempre, tentar que non se faga nada, desde logo que non conten coa Xunta de Galicia", afirmou Rueda

Río Lérez con marea baixa
Río Lérez con marea baixa / Mónica Patxot

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reafirmou este mércores o compromiso do Goberno galego coa execución da dragaxe do río Lérez, unha actuación longamente demandada en Pontevedra e que, segundo destacou, conta xa con todas as autorizacións necesarias para a súa posta en marcha.

"Eu estou decidido a empezar esta actuación canto antes. Estou decidido como máximo responsable da Xunta de Galicia", dixo.

A preguntas dos xornalistas durante un acto oficial celebrado en Pontevedra, Rueda referiuse ao proceso de alegacións aberto para este proxecto e asegurou que a Xunta escoitará todas aquelas que se presenten "de maneira construtiva". No entanto, advertiu de que o Executivo autonómico non atenderá propostas cuxo único obxectivo sexa, na súa opinión, paralizar a actuación sen achegar alternativas viables.

"Se son alegacións construtivas, benvidas. Se son para ao final, os de sempre, tentar que non se faga nada, desde logo que non conten coa Xunta de Galicia", afirmou Rueda.

O presidente galego subliñou que a dragaxe do Lérez é "unha das actuacións que Pontevedra necesita" e lembrou que se trata da maior intervención unitaria realizada até agora por Portos de Galicia, cun investimento próximo aos 12 millóns de euros, superior ao orzamento inicial para cumprir con todos os requisitos esixidos "para que sexa unha actuación desde o punto vista medioambiental impecable".

Rueda insistiu en que o proxecto foi deseñado e medido durante anos, e que dispón dos informes e autorizacións necesarias, incluída a decisión do Goberno central sobre o punto de vertedura, que provocara importantes atrasos. Neste sentido, alertou de que introducir agora modificacións substanciais podería supor novas demoras e pór en risco a execución dunha obra que, segundo afirmou, leva demasiado tempo pendente.

"Cousas a maiores ou variacións absolutas sobre o orixinal, o único que farían é atrasalo todo outra vez", advertiu.

O presidente tamén destacou a importancia do diálogo mantido coas confrarías de pescadores e mariscadoras, coas que se celebrou este martes unha reunión para asegurar que a actuación se realiza con todas as garantías e atendendo ás súas demandas históricas.

Finalmente, Rueda asegurou estar decidido a iniciar a dragaxe "canto antes" e afirmou que a Xunta de Galicia conta co respaldo maioritario da cidadanía pontevedresa para levar a cabo esta actuación, sempre garantindo o cumprimento estrito da normativa ambiental vixente.