Rueda esgrime a "importancia socioeconómica" do Porto de Marín fronte á sentenza que ordena derrubar os recheos ilegais

Marín
29 de decembro 2014

"Quen ignore a importancia do que aquí se está a facer estase a equivocar", declarou este luns o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao referirse á sentenza que ordena o derrubamento dos 300.000 metros cadrados de recheos declarados ilegais no Porto de Marín

Rolda de prensa na Autoridade Portuaria de Marín PontevedraViva

"Quen ignore a importancia do que aquí se está a facer estase a equivocar", declarou este luns o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao referirse á sentenza que ordena o derrubamento dos 300.000 metros cadrados de recheos declarados ilegais no Porto de Marín.

Acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo e o presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, Jose Benito Suárez Costa, o vicepresidente referiuse aos recursos presentados pola Avogacía do Estado para evitar a demolición dos recheos ilegalizados polo Tribunal Supremo.

Ás dificultades técnicas e ambientais esgrimidas hai uns días pola conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez na súa visita a Marín, hoxe Alfonso Rueda sumou a "importancia socioeconómica" que ten o porto. "Non nos podemos permitir que a actividade que aquí se desenvolve non poida continuar", afirmou.

O vicepresidente do Executivo galego mostrouse moi cauteloso e insistiu en que "é un asunto que está no ámbito da Xustiza" e aínda que pediu "respecto" para os tempos que manexa a Administración de Xustiza tamén dixo sobre a solución a esta inseguridade xurídica que neste caso concreto, "cando os intereses que están en xogo son da magnitude dos que están aquí, canto antes se coñeza mellor".

SEGURIDADE PORTUARIA

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo estas declaracións en Marín a onde acudiu para asinar con José Benito Suárez Costa un acordo de colaboración entre a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e a Autoridade Portuaria en materia de emerxencias.

A finalidade do acordo é establecer os procedementos de comunicación bilateral entre o 112 Galicia e o Porto de Marín, de maneira que ambos os dous estean informados con relación aos accidentes ou incidentes que poidan producirse nas instalacións e infraestruturas competencia da Autoridade Portuaria e que esixan a intervención de medios externos de atención sanitaria, seguridade cidadá, protección civil, ou extinción de incendios e salvamento.