Rueda inaugura as obras do instituto Valle-Inclán e do colexio Froebel

Pontevedra
12 de xuño 2025
Actualizado: 7:48

O presidente da Xunta visitou ambos os dous centros tras o remate das súas obras de rehabilitación, que contaron cun orzamento de preto de 8 millóns de euros

Visita de Alfonso Rueda ás obras no CEIP Froebel
Visita de Alfonso Rueda ás obras no CEIP Froebel / Mónica Patxot

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou en Pontevedra no acto de inauguración das obras do IES Valle-Inclán e do CEIP Froebel tras a rehabilitación acometida en ambos centros.

Foron unhas actuacións que, segundo o titular da Xunta, exemplifican a "aposta decidida do goberno galego" pola modernización das infraestruturas educativas como "ferramenta clave" para "garantir unha educación pública de calidade".

O xefe do executivo autonómico estivo acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.

Rueda puxo en valor a relevancia destas obras para a cidade de Pontevedra "e para toda Galicia", polo "simbolismo" da intervención e pola importancia de continuar transformando os espazos escolares para mellorar a calidade do ensino. 

O presidente subliñou que a renovación destes dous centros emblemáticos da cidade forma parte do plan de nova arquitectura pedagóxica, unha iniciativa pioneira en España coa que a Xunta está a repensar e adaptar as infraestruturas educativas para responder aos modelos de aprendizaxe e ás necesidades do alumnado actual.

As obras no IES Valle-Inclán e no CEIP Froebel son "exemplos destacados desta estratexia", afirmou.

No caso do instituto, acometeuse unha rehabilitación integral por preto de 6 millóns de euros que respecta a esencia arquitectónica do edificio, moi vinculado á identidade da cidade, dotándoo ao mesmo tempo de instalacións máis modernas, eficientes e funcionais.

Pola súa banda, o CEIP Froebel viu como se materializaba unha demanda histórica, coa creación dun edificio máis accesible, cómodo e adaptado ao alumnado, que contou cun orzamento de 1,9 millóns de euros en tres fases. 

En total, mobilizáronse preto de 8 millóns de euros, incluíndo no caso do IES Valle-Inclán "a maior intervención de rehabilitación nun centro educativo galego desde os anos 70". 

Segundo indicou o presidente, estas actuacións dan conta da prioridade que a Xunta concede á educación como "piar fundamental do modelo propio: un sistema centrado no alumnado, aberto á sociedade e construído co consenso da comunidade educativa".

Neste contexto, Rueda recordou o compromiso do goberno galego cos centros educativos coa cidade de Pontevedra tamén se reflicte no conxunto das actuacións impulsadas nos últimos anos. 

Desde 2009, a Xunta leva investidos máis de 24 millóns de euros en obras e melloras nos centros da cidade, aos que se engaden proxectos en marcha cun valor superior a 1,3 millóns de euros.

Entre as intervencións destacan as realizadas no CIFP Carlos Oroza, na escola de Educación Infantil Crespo Rivas ou no IES Xunqueira II.