O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, mantiveron unha reunión de traballo en Santiago de Compostela para fixar o cronograma dos investimentos autonómicos no municipio.
O encontro serviu para detallar a execución de 7.849.888 euros que se destinan a proxectos de vivenda, saneamento, cultura e educación na vila.
Un dos eixes principais da xuntanza foi o desenvolvemento do Plan de Interese Autonómico de Raposeiras.
Este proxecto abrangue unha superficie de 70.284 metros cadrados onde se prevé a construción de 400 vivendas públicas, das cales o 80% terán réxime de protección.
Na actualidade, cinco empresas optan á redacción do proxecto, un contrato que conta cun orzamento de 244.000 euros.
En termos económicos, a partida máis elevada corresponde á mellora ambiental do río Lameira. Con un investimento de 4 millóns de euros, as obras do colector encaran a súa fase final.
Esta intervención completarase coa creación dunha senda verde, deseñada como un novo espazo de tránsito e lecer para a veciñanza.
A axenda tamén recolle o estado das infraestruturas culturais, destacando o novo Auditorio municipal ao que a Xunta achegou 2 millóns de euros para a obra civil e 350.000 euros para o equipamento escénico
. O obxectivo é a súa próxima integración na Rede Galega de Auditorios para dar contido á súa programación.
Tamén haberá financiación da Xunta no Templo Vello co inicio da terceira fase de restauración. Investirán 155.888 euros nos traballos de conservación do interior do edificio.
No ámbito do ensino, tratouse a reforma do CEIP do Seixo. Este centro será obxecto dunha rehabilitación enerxética integral que supón un investimento de 1,1 millóns de euros, destinada a optimizar o consumo e o confort das instalacións escolares.
Ao remate da xuntanza, María Ramallo sinalou que esta colaboración económica é a que permite ao Concello afrontar obras de gran envergadura que exceden as arcas municipais.
O encontro tamén serviu para poñer sobre a mesa futuras melloras na rede de viais autonómicos e o mantemento dos programas de política social en Marín.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.