O auditorio de Marín deixou de estar parcialmente oculto na mañá deste venres, cando a construtora retirou o "mantón" que cubría boa parte da fachada.
O peche de obra foi substituído por vallas metálicas que seguen delimitando o perímetro, pero permiten xa ver na súa totalidade o aspecto final do edificio, cuxa construción está practicamente concluída.
Segundo informou a empresa responsable, os últimos traballos están centrados agora na contorna exterior.
No lateral do edificio estase a habilitar unha pequena vía peonil, mentres que ao longo da próxima semana -sempre que a meteoroloxía acompañe- quedará rematado o formigonado do acceso principal e do lateral.
Nesa área tamén se están preparando uns parterres de gran tamaño que, unha vez plantados, transformarán de maneira significativa a imaxe do espazo.

En paralelo, a compañía encargada do equipamento escénico está ultimando a instalación dos sistemas técnicos necesarios para que o auditorio poida acoller espectáculos de todo tipo.
Isto é a iluminación, as mesas e equipos de son, os telóns, as varas, o bambalinón e a cámara negra, entre outros elementos.
Tamén avanzan os trámites coa subministradora eléctrica para completar as conexións e garantir o abastecemento de enerxía ao inmoble.
O propósito municipal é que o auditorio abra as súas portas no primeiro trimestre de 2026, completamente equipado e cunha programación deseñada para achegar as artes escénicas ao conxunto da veciñanza.