Tecesa Acústica Visual SL, proposta para subministrar o equipamento escénico do novo Auditorio de Marín

Marín
25 de setembro 2025

O equipamento permitirá acoller eventos culturais de gran formato e, ademais, formar parte da Rede de Auditorios de Galicia

María Ramallo e Miguel Porras
María Ramallo e Miguel Porras / Concello de Marín

A Mesa de Contratación do Concello de Marín vén de propoñer a adxudicación do subministro e instalación do equipamento técnico e escénico para o novo Auditorio á empresa Tecesa Acústica Visual SL, que foi a que presentou a mellor oferta das tres candidatas.

Esta empresa leva máis de dúas décadas especializada en proxectos de enxeñería electroacústica, audiovisual e escénica.

A alcaldesa, María Ramallo, explicou que agora o Concello está no proceso de recollida da documentación necesaria para poder facer a adxudicación definitiva e encargar "canto antes" o material.

Este xoves, a rexedora visitou as obras deste novo espazo cultural, acompañada polo arquitecto do proxecto, Miguel Porras, e polo xefe do servizo de Informática do Concello.

Durante a visita, comprobaron que os traballos avanzan a moi bo ritmo.

De feito, xa se está ta traballar tamén no exterior do edificio, onde se instalarán uns parterres axardinados que axudarán a integrar o auditorio coa contorna urbana.

En canto ao equipamento que se incorporará grazas a esta adxudicación, Ramallo destacou que "permitiranos acoller no futuro eventos culturais de gran nivel" e, sobre todo, formar parte da Rede de Auditorios de Galicia. Isto suporá contar coa colaboración da Agadic para traer a Marín o mellor das artes escénicas galegas.

Ademais, continúan as obras para dotar o edificio do subministro eléctrico e do equipamento tecnolóxico necesario para a Oficina de Turismo Virtual, que se situará nunha zona do vestíbulo do auditorio.