O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou este mércores a "receita" de "traballo, escoita e firmeza" como base da estratexia do partido de cara ás eleccións municipais de 2027, subliñando que os populares deben afrontar esa cita "a por todas, sen dar ningún concello por gañado nin ningunha alcaldía por perdida".
Rueda fixo estas declaracións no marco da Xunta Directiva Provincial do partido celebrada no balneario de Cuntis, unha reunión que se inscribe na rolda de encontros que a formación está a desenvolver nas catro provincias galegas co obxectivo de "engraxar a maquinaria" de cara aos próximos ciclos electorais.
Neste contexto, destacou a "estabilidade" como unha "excepción moi valiosa" que, ao seu xuízo, representa o PP en Galicia.
No acto tamén participaron o presidente provincial do partido en Pontevedra, Luis López, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
O líder dos populares galegos advertiu de que "non é momento de relaxarse", facendo referencia ao contexto político estatal e ás próximas citas electorais noutras comunidades autónomas.
Durante a súa intervención, Rueda puxo en valor a "xestión e eficacia" do PP tanto na Xunta de Galicia como na Deputación de Pontevedra e nos concellos, en contraposición ao Goberno central presidido por Pedro Sánchez, ao que cualificou de "incapaz, caótico e imprevisible".
Tamén dirixiu críticas ao BNG, ao que acusou de opoñerse a "calquera posibilidade de desenvolvemento" para Galicia.
En clave autonómica, o tamén presidente da Xunta asegurou que o seu Executivo ten en marcha o 85 % das medidas comprometidas no programa de lexislatura.
Entre elas, destacou a gratuidade da educación desde a etapa infantil ata a universidade, políticas de acceso á vivenda e proxectos sanitarios como o centro de protonterapia ou a reforma da atención primaria.
"Somos, e temos que seguir sendo, o partido que dá certezas cando todo é incerto", afirmou Rueda, quen volveu cargar contra o Executivo central e as formacións que o sustentan, mencionando tanto ao PSdeG como ao BNG.

Pola súa banda, Luis López puxo o foco na situación política da provincia e, en particular, no Cconcello de Cuntis, onde destacou o labor da voceira local, Isabel Couselo, ao tempo que criticou a xestión do goberno municipal.
O dirixente provincial augurou unha maioría absoluta do PP nesta localidade nas vindeiras eleccións.
López tamén asegurou que o traballo do partido na provincia está a xerar "pánico" noutras formacións políticas, facendo referencia a recentes polémicas e á división do PSOE na Deputación durante a votación para a concesión de fondos do Plan Extra aos concellos.
Finalmente, o presidente provincial concluíu que o partido afronta as municipais de 2027 "preparado, con iniciativa e centrado nos intereses da cidadanía", co obxectivo de acadar os mellores resultados e consolidar a súa presenza institucional na provincia.