Rueda solicita que o Exército permaneza para traballos de prevención e limpeza nos montes

Pontevedra
26 de agosto 2025

O presidente da Xunta prepara un plan específico contra escorras nas zonas queimadas e anuncia axudas urxentes nun Consello extraordinario en Ourense

Rueda revisa os lumes forestais en Galicia
Rueda revisa os lumes forestais en Galicia / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitaba este luns a parroquia de Mougás, no concello de Oia, para avaliar os danos do incendio extinguido o sábado pola noite e insistiu na necesidade de manter a alerta en toda Galicia, malia que a situación máis grave dos últimos días se concentrou en Ourense, afectando tamén a varios puntos de Pontevedra como Santa Cristina de Cobres en Vilaboa.

O presidente avanzou que existen indicios de que o lume de Oia foi provocado: "Todo indica, tal e como me comunicou o responsable provincial, que había evidencias de intencionalidade, e polo tanto os incendiarios seguen por aí".

Neste sentido, puxo en valor a detención dun presunto incendiario en Arbo e animou as Forzas e Corpos de Seguridade a continuar coas investigacións: "Respectando a presunción de inocencia, quero animar e aplaudir as actuacións, constatando que os incendios se investigan e que se persegue aos incendiarios".

O xefe do Executivo autonómico centrou o foco na prevención de riscos derivados unha vez apagados os lumes: "Toca traballar para evitar as escorrentías, que as cinzas comprometan os abastecementos de auga, que os obstrúa e provoquen acumulación e desbordamentos".

Rueda agradeceu a colaboración do Exército e da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e pediu que se manteña a presenza de medios militares para axudar nas tarefas de control de perímetros e limpeza.

"Agora que a situación está máis calmada, pido que sigan chegando os medios solicitados, sobre todo con maquinaria para labores de limpeza e extinción", apuntou.

O presidente confirmou a convocatoria dun Consello extraordinario este venres en Ourense para aprobar un paquete de medidas dirixidas ás persoas e sectores afectados: "As axudas publicaranse de xeito inmediato e poremos os sistemas necesarios para que se tramiten do xeito máis sinxelo posible".

Finalmente, reclamou responsabilidade política á oposición: "Espero que a oposición sexa construtiva en todo isto. Non busquemos máis tensión. O que Galicia precisa neste momento son propostas e cooperación para superar esta situación".

Alfonso Rueda nunha zona queimada en Oia
Alfonso Rueda nunha zona queimada en OiaXunta de Galicia

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora