Pola súa situación ao fondo da Ría e na desembocadura dos ríos Lérez, Rons e Gafos, a cidade de Pontevedra goza dunha contorna natural privilexiada.
Unha combinación perfecta entre paisaxes de costa e montaña, ríos e ría, que son, ademais, de grande importancia e diversidade natural.
Turismo de Pontevedra convídanos a percorrer as marxes dos ríos Lérez, Rons e Gafos a través de tres roteiros pensados para gozar da natureza sen afastarse moito do centro urbano.
RUTA RÍO LÉREZ
Esta ruta permite camiñar polas dúas beiras do río Lérez desde a cidade de Pontevedra ata a presa de Bora.
Pola beira esquerda o camiño preséntase máis humanizado e resulta máis sinxelo de transitar; mentres que pola beira oposta, o camiño é máis agreste e presenta pequenos tramos de media dificultade.
Durante a parte inicial do percorrido, atopámonos coa praia fluvial que dá paso aos “salóns do Lérez” (ancheamentos do río onde o caudal aumenta e a corrente discorre moito máis amodo influída pola dinámica das mareas), polos que a ruta transcorre envolta polo bosque de ribeira.

Nesta zona os carballos son abondosos, e pola marxe esquerda aínda se conservan restos construtivos como a fonte ou o quiosco, do que a principios do século XX foi un afamado balneario.
Pasados os tres salóns, un par de pasarelas metálicas antes da central eléctrica permiten cruzar á outra beira.

A partir desta zona o río estréitase, e os sendeiros, a ambos lados, continúan envoltos pola vexetación de ribeira.
Chegados ao final do percorrido na presa de Bora, existe a posibilidade de conectar ambas rutas para retornar ao punto de inicio pola beira oposta, mais ao transcorrer varios tramos desta conexión por estrada, non se considera aconsellable.

- Distancia dende a Praza de España: 23 min. camiñando
- Lonxitude: 4.174 m (marxe esquerda) e 4.760 m (marxe dereita)
- Desnivel máximo: 36 m
- Dificultade: Baixa (marxe esquerda) / Media (marxe dereita)
- Tempo estimado: 4 horas
- Tipo de sendeiro: Ida e volta
- Inicio-Final marxe dereita: Extremo norte da Illa do Covo
- Inicio-Final marxe esquerda: Avenida Bos Aires
- Época recomendada: Calquera (nos meses chuviosos pode empozarse algún tramo)
- Declaración ambiental: Zona Especial de Conservación (ZEC)
- Datos de interese: Conta con 17 especies protexidas catalogadas
RUTA RÍO DOS GAFOS
Desde o comezo da ruta son abondosos os amieiros, salgueiros, sabugueiros, freixos e fentos, especies típicas do bosque de ribeira. Un moderno mollón de pedra nun escorzo do camiño sinaliza este tramo complementario do Camiño de Santiago.
Unha pequena ponte dá acceso ao muíño de Cabanas na outra beira do río, unha construción recentemente restaurada, que conta cunha espectacular presa construída a base de grandes lousas de granito.
Retornando ao camiño, e xusto antes de cruzar a pintoresca Ponte Valentín para continuar pola outra beira, a ruta atravesa un sombrío souto de castiñeiros.

O camiño atravesa unha zona inundable, as Brañas do Tomeza (nome que se lle dá ao río neste treito) con ricos valores botánicos na que abundan os loureiros. Deixando atrás un impoñente carballo que se atopa no mesmo medio do sendeiro, o camiño chega a un bonito prado onde florece en primavera a fermosa orquídea Dactylorhiza elata.
Á altura da ponte de Rebón, onde abundan os carballos, un novo mollón de pedra indica o inicio deste tramo alternativo do Camiño de Santiago.

O sendeiro avanza sempre pegado ao río ata o punto final do ENIL (Espazo Natural de Interese Local), un lugar marcado por un vello mollón de pedra inclinado gravado a ambos lados cunha P e unha V, indicando os límites dos municipios de Pontevedra e Vilaboa, respectivamente.
Para retornar ao punto de inicio será preciso desfacer o camiño percorrido.

- Distancia dende a Praza de España: 29 min. camiñando
- Lonxitude: 7.500 m
- Desnivel máximo: 22 m
- Dificultade: Baixa
- Tempo estimado: 3 h
- Tipo de sendeiro: Ida e volta
- Inicio-Final: Rúa Otero Pedrayo
- Época recomendada: Calquera (nos meses chuviosos pode empozarse algún tramo)
- Declaración ambiental: Espazo Natural de Interese Local (ENIL)
- Datos de interese: Máis de 180 especies de plantas catalogadas
RUTA XUNQUEIRA DE ALBA
O punto de inicio coincide coa desembocadura do río Rons, unha ampla chaira areeira que queda descuberta coa baixamar, momento aproveitado por varias especies de gaivotas e aves limícolas, como garzas e garzotas, para alimentarse.
Agochado entre amieiros e salgueiros atópase o primeiro dos miradoiros, un lugar idóneo para deterse durante un tempo e gozar coa observación das aves entre a vexetación da marisma.
O segundo dos miradoiros, unha pasarela de madeira, atópase nunha zona de espadanal.

Para continuar a ruta é preciso retroceder ata atopar unha pequena ponte que flanquea a marisma. Tras cruzala, o percorrido continúa pola dereita atravesando un pequeno tramo de bosque de ribeira que conduce ao terceiro dos miradoiros, unha estrutura elevada que permite visualizar a contorna de xeito panorámico.
Outra gran plataforma de madeira permite contemplar a marisma baixa, onde estreitas canles de auga salobre discorren entre as densas matas de xuncos.

Cruzando a estrada e deixando o camiño principal aos poucos metros, un desvío á dereita conduce a unha senda interior entre coloridos prados sobre os que non resulta estraño observar multitude de paxaros, libélulas e bolboretas.
A ruta finaliza retornando ao punto de inicio na Avenida de Domingo Fontán.

- Distancia dende a Praza de España: 12 min. camiñando
- Lonxitude: 4.000 m
- Desnivel máximo: 17 m
- Dificultade: Baixa
- Tempo estimado: 1,5 h
- Tipo de sendeiro: Circular
- Inicio-Final: Avenida de Domingo Fontán - Desembocadura do río Rons
- Época recomendada: Calquera
- Declaración ambiental: Zona húmida declarada Espazo Natural de Interese Local
- Datos de interese: Máis de 170 especies de plantas catalogadas e 133 de aves