Campo Lameiro prepárase para dar a benvida á época do Nadal cun acto de acendido oficial do alumeado festivo que terá lugar este sábado, 13 de decembro, ás 19:30 horas na Aldea de Nadal.
A veciñanza está convidada a participar neste momento tan especial, que estará acompañado dunha gran chocolatada para compartir e encherse do espírito do Nadal.
Esta iniciativa busca converter a Campo Lameiro nun "lugar extraordinario para vivir o Nadal", fomentando a convivencia e a celebración colectiva destas datas tan sinaladas.
Ademais do acendido das luces, este mesmo sábado 13, a parroquia de Moimenta acollerá a celebración da festa na honra de Santa Lucía.
Esta celebración está organizada pola Asociación de Veciños "Os Cruceiros de Moimenta". A xornada festiva comezará ás 11:30 horas cun pasarrúas pola aldea a cargo dos gaiteiros Falúa, que encherán as rúas co son da música tradicional.
Ás 13:00 horas, terá lugar a misa cantada en honra á santa, seguida da tradicional procesión.
Para rematar os actos matinais, e se a meteoroloxía o permite, haberá unha sesión vermú nos Cruceiros, tamén amenizada polo grupo Falúa.