O sábado 20 volve a feira á Alameda e á Praza de España de Ponte Caldelas despois da suspensión preventiva durante as últimas semanas debido ao incremento dos contaxios por covid-19 no municipio.
Durante esta fin de semana, os postos de alimentación, téxtil, calzado e ferraxería instalaranse nos lugares que o goberno local habilita para establecer os puntos de venda. Redúcense ao 50% da presenza habitual para que se garanta o cumprimento da distancia social e de todas as medidas de seguridade marcadas polas autoridades sanitarias.
As persoas que acudan para realizar as súas compras neste mercado ambulante deberán levar a máscara colocada en todo momento, hixienizar as mans nas fontes de hidrogel desinfectante instaladas polo Concello de Ponte Caldelas e manter a distancia social tanto con outros clientes como cos vendedores.