'Sabi@ Caldas' fomenta o interese pola ciencia entre o alumnado da vila

Umia
18 de abril 2024

Estudantes do CRA participan dende o luns nas actividades de ‘Pequeciencia’ e o Xardín Botánico e o Paseo Román López acollen este xoves e o venres unha mostra de experiencias científicas escolares

Escolares de Caldas practican experimentos científicos Concellería de Cultura de Caldas de Reis

Mil estudantes dos centros de ensino de Caldas de Reis están a participar durante estas xornadas nunha nova edición da Semana da Cultura Científica 'Sabi@ Caldas'.

Escolares do CRA levan desde o luns en actividades do programa 'Pequeciencia' con seis experimentos adaptados á súa idade con propostas visuais de creación dunha lupa vermella e tamén de son como a experimentación da vibración dos metais en relación con outros elementos.

Durante o xoves e o venres, o Xardín Botánico e o Paseo Román López serán escenario dunha mostra de experiencias científicas no ámbito escolar realizadas durante as últimas semanas

A concellería de Cultura que dirixe Manuel Fariña é a encargada da organización desta actividade que conta coa participación de todos os centros de ensino da vila, desde primaria ata bacharelato:  IES Aquis Celenis, CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente de Cesar, CPR Plurilingüe La Encarnación e CPR Plurilingüe San Fermín, ademais das escolas de Carracedo, Saiar e San Andrés que forman o Centro Rural Agrupado.

O concelleiro nacionalista sinala que esta iniciativa permite fomentar o interese pola ciencia entre o alumnado e facilita o desenvolvemento do espírito investigador e o traballo en equipo. Fariña recoñece que todos os estudantes están moi implicados na celebración da Semana ao tratarse de aprendizaxe práctica e divertida.

O alumnado de máis idade presentará a partir deste xoves as súas creacións e xogos que se enmarcan en campos relacionados coa robótica e a tecnoloxía e mesmo con explosivos.

Caldas de Reis celebra este acontecemento desde 2017 como homenaxe a Francisco José de Caldas, un científico ilustrado colombiano de orixe caldense, que foi recoñecido fillo adoptivo da vila. Con motivo desta figura, Caldas atópase hermanado co municipio colombiano de Villamaría e colabora coa rexión do Departamento de Caldas en numerosas universidades e institucións científicas de Colombia.