"Sabi@ Caldas", unha semana para celebrar a cultura científica

Umia
26 de abril 2023

A actividade está organizada polo Departamento de Cultura do Concello e conta coa implicación activa de todos os centros educativos do municipio, dos que participarán máis de mil alumnos xunto ao seu profesorado

O alcalde visitou os postos de "Ciencia na rúa"
O alcalde visitou os postos de "Ciencia na rúa" / Concello de Caldas de Reis

Caldas de Reis está a celebrar unha nova edición da Semana da Cultura Científica "Sabi@ Caldas", unha iniciativa que naceu en 2017 como homenaxe a Francisco José de Caldas.

Este científico ilustrado, oriúndo deste municipio, formou parte da Expedición Botánica a principios do século XIX, foi nomeado Fillo Adoptivo de Caldas de Reis e é coñecido popularmente en Colombia como "Sabio Caldas". Por este motivo, Caldas de Reis está irmandado co municipio de Villamaría e colabora co Departamento de Caldas e numerosas universidades e institucións científicas dese país.

A actividade está organizada polo Departamento de Cultura do Concello e conta coa implicación activa de todos os centros educativos do municipio, dos que participarán máis de mil alumnos xunto ao seu profesorado.

O alcalde, Juan Manuel Rey, destaca que con esta iniciativa “queremos fomentar o amor pola ciencia entre o alumnado e facilitar o desenvolvemento do seu espírito investigador e o traballo en equipo, poñendo en práctica ao mesmo tempo a súa capacidade de divulgación cos experimentos que puxeron en práctica e que comparten con estudantes doutros centros e coa propia poboación de Caldas”.

O groso das actividades desenvólvese no Paseo Román López e no Xardín Botánico coa exposición de experiencias científicas presentadas polo propio alumnado, baixo o lema "Ciencia na rúa". 

Tamén están en marcha as actividades de "Pequeciencia" no Centro Rural Agrupado, coas súas escolas de Carracedo, Godos, Saiar e San Andrés.

Ao mesmo tempo, o Auditorio acolle a exposición fotográfica "Fotonatureza" de Ramón Encisa, aberta ata o 30 de maio, de 18 a 21 horas.

Tamén se programaron dúas charlas, unha sobre "Especies exóticas invasoras", a cargo do Proxecto Life InvesAqua da Universidade de Santiago de Compostela, que terá lugar o 27 de maio ás 11,30 horas no Auditorio; e outra sobre "Endometriosis, a epidemia oculta", a cargo de Cristina Fernández, o mesmo día ás 20,30 h na Biblioteca Municipal.

Por último, o domingo 30 ás sete da tarde desenvolverase o espectáculo familiar "Maxia Pluricelular" coa Meiga Fani, no Auditorio.

Os centros educativos que presentan inventos, xogo e exhibicións son o IES Aquis Celenis, CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente de Cesar, CPR Plurilingüe A Encarnación e CPR Plurilingüe San Fermín, con alumnado de Primaria, ESO e Bacharelato.