Sacan a concurso o servizo de axuda no fogar en Pontevedra coa previsión de aumentar o número de beneficiarios

Pontevedra
13 de outubro 2017

O expediente de contratación recolle que o servizo se adxudicará por un período de catro anos prorrogable outro máis por un importe de 1.375.529,24 euros anuais. Implicará contratar máis de 90.000 horas ao ano a un prezo de 14,25 euros a hora (IVE non incluído), o que implica un incremento importante do número de beneficiarios do servizo  

Raimundo González, portavoz do goberno local de Pontevedra
Raimundo González, portavoz do goberno local de Pontevedra / PontevedraViva

Unha Xunta de Goberno local extraordinaria celebrada este venres aprobou o expediente para poder sacar a concurso o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Pontevedra, que na actualidade presta a empresa Clece como resultado dunha prórroga de seis meses habilitada para poder preparar o novo contrato

O expediente de contratación recolle que o servizo se adxudicará por un período de catro anos prorrogable outro máis por un importe de 1.375.529,24 euros anuais. Implicará contratar máis de 90.000 horas ao ano a un prezo de 14,25 euros a hora (IVE non incluído), o que implica un incremento importante do número de beneficiarios do servizo. 

O portavoz do goberno local, Raimundo González, insistiu en que os case 1,4 millóns do contrato actual supoñen case duplicar os 750.000 euros orzados no contrato previo e destaca o "gran esforzo" realizado polo Concello de Pontevedra neste servizo, que beneficia a persoas dependentes e a maiores non dependentes. 

O Concello achegará máis de 500.000 euros anuais para este contrato e o resto financiarano a Xunta de Galicia e os propios usuarios. En concreto, a administración autonómica subvenciona preto de 10 euros hora da atención ás persoas dependentes de Pontevedra e o Concello da capital reforza o servizo destinándoo tamén a persoas maiores non dependentes. 

CRÍTICAS DO PP DE PONTEVEDRA

Precisamente, na mañá deste venres, ao tempo que o goberno local anunciaba este concurso, o grupo municipal do PP criticaba que a última prórroga do SAF vence o vindeiro mércores 18 de outubro "sen que o BNG de Lores teña os deberes feitos a tempo"

A concelleira 'popular' María José Rodríguez Teso criticaba a través dun comunicado que "a falta de xestión" do goberno local "volve a precipitar unha nova prórroga, que será xa a terceira". Na súa opinión, é unha mostra máis da "absoluta falta de xestión" por parte do goberno municipal.