Sae a concurso a iluminación do Nadal de Sanxenxo por 240.000 euros por dúas anualidades

Sanxenxo
03 de outubro 2021

O Concello volve apostar polos recunchos do Nadal en todas as parroquias con figuras e escenarios tras a gran aceptación do ano pasado

Árbore navideña na Praza dos Barcos
Árbore navideña na Praza dos Barcos / Concello de Sanxenxo

Un total de 271 elementos lumínicos, entre arcos, figuras, photocalls e variados motivos decorarán o próximo Nadal as sete parroquias do municipio. O Concello de Sanxenxo sacará a concurso a iluminación por un período de dúas anualidades e un prezo de licitación de 240.000 euros nunha aposta por potenciar a terceira tempada do ano en Sanxenxo, tras o verán e a Semana Santa, e incentivar a actividade turística, hostaleira e o comercio local. 

A tempada do Nadal é un obxectivo prioritario no plan que ten Sanxenxo para seguir crecendo os 365 días do ano. Neste sentido, o goberno xa traballa nalgunha novidade máis para estas datas.

Este primeiro ano, a oferta sae a concurso por 117.080 euros, o que supón un incremento de 20.104 euros respecto ao ano pasado, e o segundo, 122.934 euros. A empresa adxudicataria deberá presentar no segundo ano unha proposta, como mínimo, un 75% diferente á do primeiro ano e cunha antelación polo menos de 6 meses antes da finalización do contrato. 

Tras o éxito obtido o ano pasado, volverá apostar pola creación de recunchos do Nadal en todas as parroquias con grandes figuras e  photocalls que permitirán  inmortalizar momentos do Nadal coa familia e amigos. O prego non determina o tipo de figuras nin tampouco os elementos que conformarán a decoración. Será a creatividade das propias ofertas as que determinen a cor e as formas que, iso si, deberán contar con luces Led RGB que permiten a creación de escenas en movemento.

Os espazos públicos elixidos para a decoración do Nadal son zonas de gran tránsito tanto peonil como de vehículos así como zona habitual de estancia e goce.

As melloras incluídas no prego fan referencia ao incremento de números de motivos.