Unha recepción no porto substituirá á cabalgata dos Reis Magos en Sanxenxo

Sanxenxo
28 de novembro 2021

Así o anunciou o Concello que, debido á situación epidemiolóxica, decidiu substituír este tradicional evento do Nadal cunha recepción a Melchor, Gaspar e Baltasar no porto deportivo. A Sala Nauta será o escenario elixido para esta recepción, o 5 de xaneiro

Os Reis Magos en Sanxenxo
Os Reis Magos en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Non haberá cabalgata de Reis Magos en Sanxenxo. Así o anunciou o Concello que, debido á situación epidemiolóxica, decidiu substituír este tradicional evento do Nadal cunha recepción a Melchor, Gaspar e Baltasar no porto deportivo.

A Sala Nauta será o escenario elixido para esta recepción, o 5 de xaneiro, na que os nenos e nenas poderán fotografarse coas súas maxestades e mesmo entregarlle en man a súa carta.

Pola mañá os paxes reais percorrerán no Tren Mago as sete parroquias para convidar as familias á recepción real no porto.

O outro personaxe típico do Nadal, Papá Noel, pasará o día 24 de decembro por Portonovo para recibir aos pequenos do municipio e estes poidan trasladarlles as súas peticións e desexos. 

Con respecto ao resto da programación do Nadal, Sanxenxo inaugurará o vindeiro mércores, ás 18 horas, o Nadal co acendido dos 487 motivos luminosos que se estenderán pola decoración das sete parroquias.

A iluminación manterase ata o próximo 10 de xaneiro e inclúe distintos elementos como un libro, árbores, caixas de agasallo ou cervos, entre a decoración.

Entretendas, como apoio á decoración de nadal, sumará ao tradicional concurso de escaparates a celebración do acto de aceso de iluminación do Nadal con música e a repartición de elementos luminosos que contribuirán ao ambiente festivo.

O 31 de decembro manteranse as badaladas anticipadas ás 12 horas na Praza Pascual Veiga, organizada pola Asociación Cultural O Cubreiro; e pola tarde, a praia de Silgar acollerá un mergullo solidario, ás 16 horas.

As persoas que acudan a darse un baño poderán vir vestidas, disfrazadas ou con bañador e poderán colaborar coa Fundación Aladina, asociación que axuda aos nenos con cancro. Á saída da auga, os participantes poderán gozar dun chocolate quente.

O broche á xornada poñerallo a primeira tirada de fogos de artificio de Sanxenxo en tempada do Nadal, a partir das 20 horas. Será un espectáculo pirotécnico cunha duración de once minutos que partirá do areal de Silgar e encherá o ceo de luces de cores e son.