Sae a licitación a reforma da Avenida de Galicia por máis de 400.000 euros

Ponte Caldelas
08 de novembro 2020

O proxecto incorporará unha zona empedrada diante do edificio consistorial e do templo, contempla a instalación de mobiliario urbano e suporá a colocación de beirarrúas de pedra, zonas verdes e espazo de estacionamento en batería, co que se ampliarán o número de prazas de aparcamento

Reforma proxectada na Avenida de Galicia
Reforma proxectada na Avenida de Galicia

O Concello de Ponte Caldelas sacou a licitación a reforma do entorno do Concello, a Avenida de Galicia, por 409.211 euros.

Trátase dunha obra que non terá custe para o Concello de Ponte Caldelas, pois será financiada nun 80% a través de subvención europea de fondos FEDER e o 20% restante farase con cargo ó Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

As empresas interesadas en realizar a obra teñen 20 días naturais (ata o 25 de novembro) para presentar as súas ofertas.

A intervención na Avenida de Galicia creará unha vía de sentido único con calmado de tráfico, incorporará unha zona empedrada diante do edificio consistorial e do templo, contempla a instalación de mobiliario urbano e suporá a colocación de beirarrúas de pedra.

Ademais, tamén se creará tamén zonas verdes e espazo de estacionamento en batería, co que se ampliarán o número de prazas de aparcamento.