Desde este luns 22 de febreiro non se permite estacionar na avenida de Galicia debido ás obras que o Concello de Ponte Caldelas leva a cabo para mellorar este vial, onde se sitúa a sede da Casa Consistorial.
Trátase dunha obra que reformará completamente a contorna do edificio consistorial e que non implicará desembolso económico para as arcas municipais. A obra faise con cargo aos Fondos Europeos, nun 80%, e ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que achega un 20%.
A intervención na avenida de Galicia creará unha vía de sentido único con calmado de tráfico, incorporará unha "zona nobre" empedrada diante do edificio consistorial e a igrexa, contempla a instalación de mobiliario urbano, a colocación de beirarrúas de pedra e a creación de zonas verdes, así como espazo de estacionamento en batería, co que se ampliará o número de prazas de aparcamento.
Con esta obra, o alcalde Andrés Díaz manifesta que se continúan os traballos de mellora dos espazos públicos do municipio "para o uso e desfrute de todos os veciños de Ponte Caldelas".
Así mesmo, Díaz achega os datos desta actuación. En concreto, a obra da mellora da avenida de Galicia saíu a licitación por un importe de 409.211,33 euros (ive incluído), foi adxudicada a Obras, Reformas y Saneamiento SL por 286.979,91 euros (ive incluído) e o prazo de execución é de catro meses.