Sae á rúa a segunda fornada de mestres composteiros

Pontevedra
29 de xuño 2017

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera entregaron os diplomas aos novos mestres composteiros

Entrega de diplomas aos mestres composteiros
Entrega de diplomas aos mestres composteiros / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra incorporará como bolseiros a todos os aspirantes que pasaron con éxito o curso da ‘Facultade de Compostaxe’ neste ano 2017 ao abeiro do Plan Revitaliza.

Así o confirmou este xoves o vicepresidente provincial, César Mosquera, quen xunto coa presidenta Carmela Silva entregou aos bolseiros os diplomas acreditativos de ter a formación necesaria para traballar como mestres composteiros nos concellos da provincia.

Mosquera explicou que a segunda promoción da ‘Facultade de Compostaxe’ demostrou ter un nivel de calidade e compromiso comparable aos alumnos do primeiro ano, e manifestou a intención da institución provincial de ampliar o número de bolseiros contratados en prácticas.

O vicepresidente lembrou que nun primeiro momento a intención era adxudicar unha bolsa (1.400 euros mensuais durante 12 meses) aos 15 que tiveran a mellor nota, mais subliñou que dada a grande demanda dos concellos, 29 adheridos á segunda fase e 35 traballando coa compostaxe en xeral, fai que todos "sexades necesarios".