Sae a licitación a nova depuradora de Barro, que se prevé que estea rematada a finais de 2026

Barro
08 de xuño 2025

Esta nova infraestrutura licítase por un importe de preto de 3,2 millóns de euros. Dará servizo a unha poboación equivalente de 2.631 habitantes con horizonte no ano 2044

Parcela na que se construirá a nova EDAR de Barro
Parcela na que se construirá a nova EDAR de Barro / Concello de Barro

A nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no Concello de Barro estará rematada no segundo semestre do próximo ano 2026. 

Así o deu a coñecer este domingo a Xunta de Galicia, que anunciou a licitación do contrato para a construción da nova infraestrutura por un importe de preto de 3,2 millóns de euros.

A EDAR construirase co obxectivo de mellorar o saneamento na localidade e permitirá dar servizo a unha poboación equivalente de 2.631 habitantes no horizonte do ano 20444.

As empresas interesadas en encargarse da obra teñen de prazo ata o vindeiro venres para presentar as súas ofertas. 

Tamén se inclúe na actuación o edificio de explotación e instalacións auxiliares como desodorización, auga industrial e centro de control.

Executarase tamén un bombeo, a prolongación da rede de saneamento para a conexión da nova estación depuradora, urbanización e acceso ás novas instalacións, dotación de servizos de subministración e as infraestruturas necesarias para completar o sistema de depuración municipal.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Barro asinaron un convenio de colaboración segundo o cal a Xunta aportará, a través de Augas de Galicia, o 80% do orzamento necesario e a Administración local, o 20% restante.

Este proxecto será financiado con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea-NextGenerationUE.