O Concello de Soutomaior sacou a licitación as obras de humanización da rúa Roxelio Landeiro.
É unha actuación enmarcada no proceso de renovación urbana que o goberno municipal está a desenvolver en Arcade co obxectivo de crear unha vila "máis sostible, accesible e centrada nas persoas".
A intervención será posible despois de que o Concello asumise a titularidade dos tramos da estrada PO-264 correspondentes ás rúas Xosé Solla, Roxelio Landeiro e Calvario, unha reivindicación histórica que o executivo local logrou materializar tras preto de dous anos de negociacións coa Xunta de Galicia.
O proxecto forma parte dun acordo alcanzado entre o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, durante unha reunión celebrada na Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
Como resultado dese acordo, a Xunta asumirá a execución das obras de mellora na baixada cara a Ponte Sampaio, mentres que o Concello será o encargado de desenvolver a actuación prevista na rúa Roxelio Landeiro.
A obra suporá unha profunda transformación dun dos espazos máis significativos do centro de Arcade.
Na actualidade, a vía presenta unha notable deterioración e unha configuración dominada polo tráfico rodado, con escasos espazos destinados ao uso peonil.
O proxecto busca reverter esta situación mediante a creación dunha contorna urbana renovada, integrada na contorna histórica de Ponte Sampaio e adaptada ás necesidades actuais da cidadanía.
Entre as actuacións previstas figura a utilización de materiais nobres como pedra e lastro, a implantación de plataformas únicas para favorecer a mobilidade peonil, a creación de novas zonas verdes e a instalación de mobiliario urbano.
O obxectivo é mellorar a accesibilidade, reforzar a seguridade viaria e xerar espazos de convivencia que contribúan a dinamizar a actividade social e económica no centro de Arcade.
O alcalde, Manu Lourenzo, destacou que a actuación representa "un novo paso na transformación urbana que estamos a impulsar en Arcade", subliñando a vontade do goberno local de construír un municipio "máis amable, máis accesible e mellor preparado para o futuro", con espazos públicos que incrementen a calidade de vida dos veciños e favorezan o desenvolvemento económico.
Lourenzo lembrou ademais que esta actuación se suma ao importante volume de investimentos actualmente en execución no municipio.
Segundo sinalou, nestes momentos hai máis de catro millóns de euros en obras desenvolvéndose en diferentes puntos de Soutomaior, dentro dunha estratexia orientada a recuperar espazo público para as persoas e redefinir o modelo urbano do concello.