O Concello de Pontevedra quere consolidar a reactivación do Mercado de Abastos e recuperar a actividade do recinto de cara ao verán.
Para iso, a concelleira de Promoción Económica e Mercados, Anabel Gulías, anunciou o inicio do expediente para a licitación de dez espazos situados no primeiro piso que actualmente se atopan baleiros pero equipados e listos para o seu uso.
Estes espazos, que abarcan un total de 12 casetas que conforman nove postos comerciais e un bar (os sinalados en azul no plano), non necesitarán obras maiores de adecuación eléctrica, a diferenza doutros espazos que quedarán pendentes para unha fase posterior.
A diferenza do ano 2019, estas autorizacións terán un formato diferente. Outorgaranas por un ano, prorrogable anualmente até un máximo de tres (1+1+1).
Este cambio, xustificou a edil, "é unha medida transitoria" xa que a intención final do Concello é "acometer as reformas necesarias para acondicionar a totalidade do piso e, a longo prazo, sacar a concurso unha xerencia externa que xestione integralmente todo o espazo".
Os canons anuais "manteranse en cifras accesibles para fomentar o emprendemento", oscilando entre os 301,32 e os 357,72 euros ao ano, dependendo do tipo de posto.
Para poder optar ao proceso de selección, os postos terán que ter como base a solvencia técnica e a calidade do proxecto. Valorarán a trazabilidade do produto, a estratexia comercial, sustentabilidade, as propostas de acción conxunta e a xeración de emprego, especialmente o feminino.
As casetas usaranse para sementes, fariñas, adegas, conservas, e outras propostas gastronómicas ou de almorzos, seguindo a liña da convocatoria anterior.
Ademais, Gulías sinalou que o Concello reforzará o servizo de limpeza e buscará maior flexibilidade horaria, mantendo os mínimos de apertura obrigatoria para garantir o bo servizo á cidadanía.
Anabel Gulías destacou que, tras un inicio de mandato no que o espazo se atopaba nun estado "calamitoso", o Mercado "resucitou" grazas á programación continua de actividades.
"Estamos a lle devolver a vida a un emprazamento que é único na nosa cidade e que ten moito futuro", afirmou a concelleira.