A plataforma veciñal Salvemos a Fracha continúa coa rolda de contactos e asembleas informativas postas en marcha nas parroquias pontevedreses para trasladar aos veciños o impacto que terá o trazado proxectado para a futura autovía A-57. Partindo da premisa fundamental da plataforma de que piden que esta infraestrutura non siga adiante, ao longo dos dous últimos días mantiveron encontros con veciños de Tomeza, Figueirido, Bértola e Vilaboa.
Os técnicos e veciños integrantes da plataforma acudiron na noite do venres á Casa Cultural de Figueirido, convidados por veciños e comuneiros da zona, para participar nun acto informativo sobre o impacto da autovía A-57 nas parroquias de Vilaboa, Figueirido e Bértola, as tres no Concello de Vilaboa.
Foi un acto aberto a toda a cidadanía ao que acudieron varias decenas de persoas e o propio alcalde de Vilaboa, Luis Poceiro. Segundo explica a plataforma, convocouse a petición dos colectivos de veciños e comuneiros de Vilaboa, Figueirido e Bértola, que nas últimas semanas mantiveron varios encontros con 'Salvemos a Fracha' e se amosan preocupados pola súa afección nas súas parroquias.
Os asistentes puideron coñecer o impacto global do traxecto proxectado para o tramo Vilaboa-A Ermida e as afeccións particulares nas súas parroquias. Esta mesma información chegou este domingo aos veciños de Tomeza. 'Salvemos a Fracha' mantivo un encontro con varias decenas de veciños desta parroquia ao remate dunha das súas asembleas de comuneiros no centro social de Lusquiños.
Con estes dous encontros, o colectivo veciñal pecha un rolda de contactos que xa abarcou a todas as parroquias polas que pasa o trazado proxectado polo Ministerio de Fomento para este primeiro tramo da A-57. Nas vindeiras semanas continuará cos seus actos informativos para trasladar a información sobre o impacto desta autovía que consideran "innecesaria e inútil" a toda a sociedade pontevedresa.
A plataforma, na que están integrados actualmente veciños de varias parroquias, conta co apoio explícito de varias directivas de comunidades de montes de Pontevedra e Vilaboa, da Mancomunidade de Comunidades de Montes de Pontevedra e de colectivos como a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Vaipolorío, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Asociación do Lobo, a asociación Defende o Monte Pituco e o colectivo Espazo Ecosocialista.
Todos coinciden en pedir a Fomento que paralice o proxecto e non siga adiante cunha infraestrctura que se anuncia como unha circunvalación para Pontevedra, pero que "non o é en realidade, é un corredor Norte-Sur que non comunica a as parroquias polas que pasa e non rodea Pontevedra do xeito no que tería que facelo unha circunvalación".