'Salvemos a Fracha' invita a Ana Pastor a dar un paseo pola Serra da Fracha, ameazada pola A-57

Pontevedra
19 de novembro 2014

O colectivo enviou unha carta á ministra de Fomento coa intención de que escoite as súas reivindicacións contrarias ao proxecto do que denominan a "falsa circunvalación" de Pontevedra

Andaina de protesta de Salvemos A Fracha
Andaina de protesta de Salvemos A Fracha / Diego Torrado

A plataforma de veciños 'Salvemos a Fracha' invitou por carta á ministra de Fomento, Ana Pastor, a realizar un paseo pola Serra da Fracha, de maneira que axude a que atenda as reivindicacións do colectivo contrario ao proxecto da autovía A-57 como unha "cidadá galega de adopción, pontevedresa como nós".

A plataforma presentou por rexistro o 29 de abril unha solicitude de entrevista co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, coa intención de explicar os motivos do rexeitamento, pero a resposta foi negativa.

E por este motivo, medio ano máis tarde reclaman á propia ministra que acepte o convite a dar un paseo pola Fracha. A intención dende o colectivo é que vexa a ameaza que supón A-57 para este ámbito natural: "sería unha oportunidade para chegar a un entendemento e que consiga que a forza que nos leva a defender A Fracha sirva para que vostede reconsidere este proxecto". A carta, asinada polo presidente da plataforma, Salvador Calviño, indica que a autovía supón "unha agresión inútil, innecesaria, desvastadora e millonaria" a Pontevedra e Vilaboa.

O colectivo indica que se trata dunha "falsa circunvalación porque non circunvala nada" e non dá resposta ás necesidades do tráfico, nin vertebra o territorio, nin atende as necesidades de desenvolvemento urbanístico, nin respecta as rasantes naturais do terreo".

Con esta carta, 'Salvemos a Fracha' pide a paralización deste proxecto e traslada a Ana Pastor o seu malestar polo xeito no que se resolveu a Declaración de Impacto Ambiental do tramo Vilaboa-A Ermida de á-57.

Arquivado en