O Samaín de Campelo cumpre trece anos abrindo unha Casa do Medo

Poio
23 de outubro 2025

A programación arrincará o xoves 31 de outubro, ás 18.30 horas, co xa clásico truco ou trato polas rúas de Campelo

Presentación do Samaín de Campelo Concello de Poio

Campelo xa se prepara para vestir as súas galas máis terroríficas. O Samaín da parroquia cumpre este ano a súa décimo terceira edición e faino con ganas de seguir facendo historia, reunindo á veciñanza arredor da tradición, o medo e a diversión.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, presentaron este xoves o programa de actividades, acompañados por representantes da Asociación de Mulleres Arela e da AAVV de Campelo, dúas entidades fundamentais para manter viva esta celebración.

A programación arrincará o xoves 31 de outubro, ás 18.30 horas, co xa clásico truco ou trato polas rúas de Campelo, unha actividade pensada para que as crianzas e as familias dean o pistoletazo de saída á fin de semana máis arrepiante do ano.

Pero será o venres 1 de novembro cando Campelo viva o seu día grande, cunha completa axenda de propostas que combinan imaxinación, tradición e espírito familiar.

Entre as novidades deste ano destaca a Casa do Medo, unha experiencia que promete poñer os pelos de punta a máis dun. Estará aberta de 17.30 a 19.30 horas na antiga gardería de Campelo, completamente transformada para a ocasión.

A partir de aí, a compañía Barafunda Teatro tomará o relevo coa representación da obra "Quen dixo medo?", antes de dar paso á tradicional corredoira do terror e ao magosto popular, que contará coa música en directo do Dúo La Mecánica.

A festa rematará por todo o alto co espectáculo "Lumes do averno", ás 23.00 horas na Praza da Granxa.

O alcalde, Ángel Moldes, convidou a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta cita xa imprescindible que naceu da iniciativa popular e que cada ano suma máis participantes.