O ganés Samuel Kwesi, o terceiro sobrevivente do naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova (Canadá) atópase "ben" aínda que "confuso e emocionado".
Así o relatou o pastor da igrexa evangélica de Marín, Julio Torres, que falou co mariñeiro este xoves, antes da reunión que as familias das vítimas manteñen na Autoridade Portuaria de Marín co ministro de Pesca, Luís Planas.
"Estaba emocionado e agradecido", reiterou Torres, que entende que o mariñeiro ganés, que está moi integrado na súa comunidade relixiosa, está a afrontar "demasiadas emocións".
Kwesi, que ten uns 30 anos, puido ademais comunicarse coa súa esposa en Ghana, onde tamén residen os seus cinco fillos, para tranquilizarlles e asegurarlles que estaba a ser "ben tratado".
El era a primeira vez que se embarcaba no Villa de Pitanxo, aínda que non era a súa primeira marea, xa que tiña experiencia previa como mariñeiro.
Os tres sobreviventes están a ser trasladados a terra a bordo do pesqueiro galego Playa de Menduiña Dos, que ten previsto chegar mañá ao porto de San Xoán de Terranova.
Todos eles están "entre amigos", segundo o pastor evangélico, xa que ambas as tripulacións tiñan coñecidos en común, e esperan chegar a casa "canto antes".